Alerta laranxa na costa da Coruña e Pontevedra por ondas de ata 7 metros

Alerta amarela en boa parte de Galicia por choivas e vento, esperándose unhas precipitacións acumuladas que poderían superar os 40 litros por metro cadrado en doce horas e uns refachos de vento de máis de 80 quilómetros por hora.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2023 | Actualizada ás 09:59

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou, para este martes, a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Segundo informou a Xunta nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indicou que o fenómeno meteorolóxico comezará a última hora e espérase ao sur de cabo Vilán, con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinado do sur ou suroeste con ondas de ata 7 metros.

Afectará a toda a costa de Pontevedra e ao oeste e suroeste do litoral coruñés. No resto do litoral galego, a alerta será de nivel amarelo, por ventos do suroeste de forza 7 e ondas de ata 5 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, así como clubes náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa e recoméndase extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

CHOIVAS

Doutra banda, na xornada deste martes boa parte de Galicia estará en alerta amarela por choivas e vento. Así, desde primeiras horas, as precipitacións acumuladas en 12 horas poderán superar os 40 litros por metro cadrado no oeste e suroeste da Coruña; no sur e na montaña de Ourense e nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra.

Ademais, desde primeiras horas desta madrugada os refachos de vento de compoñente sur poderán superar os 80 quilómetros por hora nas provincias da Coruña e Pontevedra, así como no sur e na montaña de Ourense e no centro, sur e montaña de Lugo.

Dúas persoas observan a ondada, a 21 de febreiro de 2022, na Coruña
Dúas persoas observan a ondada, a 21 de febreiro de 2022, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta