Paralizada unha mina de estaño e tantalio a ceo aberto polo seu impacto a Pena Trevinca

O complexo mineiro é propiedade da canadense Strategic Minerals.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 18/10/2023 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A explotación mineira da Penouta (Viana do Bolo) foi paralizada cautelarmente. Así o decretou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ante os graves impactos que ten a mina sobre o espazo protexido de Pena Trevinca, Rede Natura 2000.

Pena Trevinca
Pena Trevinca | Fonte: Turismo de Galicia

Ecoloxistas en Acción ven denunciando desde fai anos os impactos da explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo, incluíndo os vertidos de residuos nos regos da zona e que afectan ao LIC Pena Trevinca, en Rede Natura 2000. Agora a sala do contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de darlle a razón ao suspender cautelarmente a resolución da Xunta que fai un ano autorizou o proxecto de explotación da mina. Para Ecoloxistas en Acción este é un primeiro paso cara a anulación da autorización da mina de estaño e tantalio da Penouta, propiedade da canadense Strategic Minerals

A pesar das advertencias e alegacións de da organización ecoloxistas, a Xunta de Galicia dictou en marzo de 2022 unha Declaración de Impacto Ambiental favorable que permitiu á empresa iniciar a explotación a ceo aberto, incrementando os impactos ambientais sen que se avaliaran adecuadamente a afección á Rede Natura 2000, hidroloxía e vivendas próximas na aldea da Penouta. Agora reclaman á Xunta que respecte a decisión xudicial e ordene a paralización inmediata da actividade mineira en cumprimento do auto. 

PIDEN Á XUNTA QUE PARALICE A MINA

“Agardamos que o Goberno galego cumpla axiña co dictamen do auto xudicial. De non o facer, iniciaramos accións executorias e reclamaremos a responsabilidade persoal dos funcionarios e altos cargos polos impactos xerados”, recalca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Nun comunicado, a organización ecoloxista di estar satisfeita coa decisión xudicial e lembra que desde 2018 a Confederación Hidrográfica Miño-Sil iniciou varios expedientes sancionadores contra a mina por denuncias do servizo municipal de augas, da poboación afectada e tamén dos ecoloxista. 

Ecoloxistas en Acción ten denunciado que, segundo informes que posúe a administración galega,  as masas de auga  de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca e Rego dos Corvos superan en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, todas elas substancias perigosas prioritarias, altamente tóxicas e no caso dalgunhas delas canceríxenas. A contaminación ten afectado ás propias captacións de auga da vila de Viana do Bolo, onde xa se tivo que interrumpir o subministro. Situación pola cal, a organización ecoloxista mesmo lle fixo chegar ao Concello de Viana un informe sobre os impactos na saúde que pode provocar a exposición prolongada a estas substancias tóxicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta