Pactéticos

¿Alguén sabe si dona Esperanza Aguirre profesou de novicia nun convento de cartuxas? ¿Hai algún psiquiatra na sala?

Por Valentin Carrera | Compostela | 08/06/2015

Comparte esta noticia
Ou eu sigo mal os medios, ou dona Aguirre foi chamada á orde. Dona Aguirre (fago como Pablo Iglesias, que confunde o tratamento do don co de señor/señora; os descamisados somos así) está tramando algo: os ben pensados apuntan a un novo tamayazo, pero eu creo que será algo máis gordo a xulgar polo bizqueo de Rajoy, cada vez máis acusado.
 
Dona Aguirre foi pioneira niso das “coalicións de perdedores”, sabe moito de como arrebatar o poder a “a lista máis votada”, que é o single máis cantado no top dos 40 Populares Pactéticos.
As simplezas, sempre agresivas e de pata de banco, que solta Rafa Hernando no Congreso demostran que na cúpula autista do PP non entenderon nada. Non é que lles falte pel, que diría Floripondo Florido, senón que lles falta cintura e, sobre todo oído. E sóbralles cara, iso si.
No PP estatal, autonómico, provincial, comarcal, municipal (¡deus, como loce a reforma local!) van ter que tragarse moitos sapos de aquí a novembro e logo de novembro algo máis que sapos. As ratas xa comezaron a abandonar o barco: Wert ten présas por irse coa súa noiva a París deixando a educación esnaquizada e desnortada; dous conselleiros dimiten en Madrid coa boca pequena, Russ vaise de Xátiva pola porta de atrás e Rita destila o seu rancor, “¡Que ostia, Alfonso, que ostia!”, mentres Rajoy desgoberna o PP como o capitán do Costa Concordia: leva o barco directamente contra as rochas da illa de Giglio.
 
Pero non serei eu quen dea consellos a Don Rajoy -de novo esta confusión pabliana-, cando ten tan próximo a don Aznar e a dona Cayetana Álvarez de Toledo, que gozan pola ferida, ¡que digo ferida!, hemorraxia. O desangre do touro na praza é unha hemorraxia mortal: a marca España, patrimonializada con bandeiras en Colón, silbatos no Camp Nou e cuarteis da Garda Civil no pobo do señor ministro, verte a súa lingua carmesí sobre a area: xa son vostedes un poema de Lorca.
 
Tras esnaquizar todo o que foron tocando nesta penosa lexislatura –a sanidade, a universidade, a investigación, a salvaxe reforma laboral, a xustiza, o cine, as subidas de impostos, o IVE cultural- xa apenas falan de facer isto ou aquilo: xa non se fala do abominable crime do aborto, decae sen ruído o do rexistro civil, entra no conxelador a inaplicable lei Wert coas súas reválidas. Todo canto se fixo sen atar consensos, co ordeno e mando da soberbia, pasa a un segundo plano e si che vin, non me acordo. Agora son vostedes os primeiros da clase no diálogo, xa teñen pel e cinturiña de avespa, Mariano, cinturiña de avespa tras un lifting de graxa en ducias de capitais de provincia, deputacións e autonomías. Sobrábanlles 2,5 millóns de votos de colesterol malo e o 24M púxolles a dieta: operación bikini na Moncloa.
Pero como aínda non espertaron do seu pesadelo, do shock pos-traumático, para deixar de ser pactéticos fáltalles o único que pode reconciliarlles consigo mesmos e cos cidadáns: pedir perdón polos erros e horrores cometidos, e irse a casa. @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].