Por gcdeportes | Lugo | 07/06/2015 | Actualizada ás 09:12
Con tan só 16 anos, segue dando alegrías incríbeis ao deporte galego. Aroa Freije (Tri-Penta Terras de Lugo) acadou tres títulos nun mesmo día ao proclamarse campioa de España de Péntatlon Moderno xuvenil, júnior e absoluta en Barcelona. Ademais, era unha proba Open con deportistas internacionais que servía para o ránking mundial, e sendo a participante máis nova rematou na novena posición, polo que sumou puntos para a súa presenza en Río’2016.
Aroa Freije chegou á última proba sabendo que xa era campioa de España, porque Marta García-Miguel (a súa gran rival na loita polo título absoluto) quedara eliminada na hípica. Deste xeito, a galega non fixo a combinada concentrada e perdeu algunhas posicións na xeral, pero coa tremenda satisfacción de saber que acadaba os tres títulos nun mesmo día. Aroa Freije, a máis nova de todas as participantes, foi 12ª na esgrima, terceira na natación, primeira na hípica e 14ª na combinada.
A lucense rematou novena na xeral con 1.242 puntos, e a gañadora da proba Open foi a irlandesa Elizabeth Brassil (1.353 puntos), con catro anos máis que Aroa. O pasado ano, a atleta galega proclamarase campioa de España e de Europa en categoría cadete, e malia ao troco de categoría, que supón a incorporación de modalidades como a esgrima ou a hípica, e algúns problemas físicos que a tiveron sen adestrar unhas semanas, nada semella frear a galega.
Este domingo será a competición masculina, con Cristóbal Rodríguez, que defende o seu título (foi campión no 2010, 2013 e 2014), e Raul Blanco. O deportista lucense está sufrindo bastante por culpa da asma, que non lle permite adestrar con normalidade, aínda que afronta a proba con moitas gañas. Pola súa parte, Raul Blanco tentará dar un paso máis e proclamarse campión de España xuvenil. O pasado ano acadou a medalla de prata nesta mesma categoría. Nesta proba open participarán deportistas de 12 países, polo que se espera un alto nivel competitivo, coa posibilidade de sumar puntos para o ránking mundial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.