Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2023 | Actualizada ás 17:24
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia (Coettga) emitiu un comunicado no que reivindica a "imprescindible presenza" deste tipo de profesionais "en todos os estratos e ámbitos das administracións públicas", algo que, apuntan, evidenciou a caída dos sistemas informáticos do Sergas a tarde deste martes.
"A integración dos graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións é indispensable, e moito máis se cabe, nas principais áreas da nosa sociedade, como é a educación e o ámbito sanitario", apunta o comunicado, no que se fai fincapé nos "abruptos avances tecnolóxicos e dixitais" a nivel mundial que, entre outras cuestións, expoñen ao sistema a "potenciais ciberameazas".
A tecnoloxía e as súas aplicacións, engaden, "son avances que axudan a evitar situacións de risco como a vivida as últimas horas", que "deixan completamente desamparados aos cidadáns e aos profesionais sanitarios, moitas veces en situacións que se debaten entre a vida e a morte". En relación ao sucedido no Sergas, Coettga considera que "sería necesario reformular a estrutura e o sistema de seguridade", que descoñecen "en detalle", algo para o que ofrecen os coñecementos do colectivo.
A maiores, estiman o sistema sanitario "non debería estar exposto baixo ningún concepto a un simple 'pico de tensión', dado que a día de hoxe en calquera oficina e case que en calquera casa disponse de medios para evitalo, como son os filtros electrónicos e os sistemas de alimentación ininterrompida que evitarían de maneira moi sinxela este suposto incidente dunha alteración da alimentación do sistema".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.