Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2023 | Actualizada ás 13:17
O responsable de Comunicación e a de Organización do BNG, Xabier Campos e Lucía López Sobrado, presentaron este mércores o acto de proclamación como candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón. "É máis que a candidata do BNG, é a candidata do cambio", salientou o dirixente nacionalista.
O escenario elixido é o Multiuosos do Sar, un lugar no que o BNG xa protagonizou outros actos pero que tamén foi o lugar escollido polo ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para actos masivos, incluído o anuncio de que deixaría a Xunta e o PPdeG para dar o salto á política nacional. Para o BNG, "votasen o que votasen" os galegos nas eleccións xerais, a figura de Ana Pontón é a "referencia do cambio para unha inmensa maioría", é a "esperanza política, a candidata do cambio" e a referencia do cambio político".
Neste sentido, e tomando de novo o simbolismo de que Goretti Sanmartín é a primeira alcaldesa muller e nacionalista de Santiago de Compostela, o BNG aspira tamén a que Ana Pontón sexa a primeira muller á fronte da Xunta. "Estou seguro de que volveremos facer historia, por primeira vez, cunha muller feminista e nacionalista", salientou Campos. Será, deste xeito, un acto "potente" no que o BNG "vai a por todas sexa cando sexan que se convoquen as eleccións". "É necesario dar a Galicia un cambio que sirva para implantar as políticas diferentes, que defenda os intereses dos galegos fronte a un goberno do PP que sempre funcionou ao servizo de Xénova.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.