Sanidade sobre a decisión da muller de Santiago de pospor indefinidamente a súa eutanasia: "Respectámola"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2023 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expresou o "escrupuloso" respecto do seu departamento pola decisión da muller de Santiago, cuxa nai se opuxo á súa eutanasia, de pospor indefinidamente o proceso. Comesaña expresábase así antes da súa participación en Santiago na inauguración do II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos dos Servizos Públicos de Saúde, onde estivo acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

En declaracións a Europa Press, o primeiro que recalcou o conselleiro é o "respecto á vontade da paciente". "Dixemos que había que ser sensibles á opinión da paciente, por suposto, e tamén ao seu contexto", apuntou. Por tanto, afirmou, "se a paciente opina de forma diferente", a Consellería, "igual que fixo antes", o que fai é "respectar escrupulosamente a vontade da paciente". "Non podemos dicir nin máis nin menos", aseverou.

POSPOSTA INDEFINIDAMENTE

Belén, a muller de 54 anos enferma de esclerose múltiple, presentou unha acta notarial ante a Consellería comunicando a súa decisión de pospor a súa eutanasia indefinidamente, segundo informou Avogados Critianos nun comunicado este mércores. A muller tomou a decisión semanas despois de que a súa nai non abrise a porta aos sanitarios que foron buscala a casa o pasado día 2 de novembro para practicarlle a eutanasia e despois de que o Xulgado de Instrución número 2 de Santiago arquivase a denuncia que interpuxo a fundación Avogados Cristiáns por orde da nai que pretendía paralizar a eutanasia.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) recibiu a mediados de novembro a confirmación do sobresemento do caso por parte da Fiscalía compostelá, o que permitía continuar co procedemento de acordo co establecido na Lei 3/2021 que regula o dereito dos cidadáns a pór fin ás súas vidas sen sufrimento. Para a presidenta de Avogados Cristiáns, Polonia Castellanos, "o caso de Belén é unha mostra máis de como están a fallar os protocolos da eutanasia". "Estamos a abocar a persoas con problemas a quitarse a vida sen ofrecerlles alternativa. É necesario que as consellerías de sanidade revisen estes protocolos e establezan un tratamento psicolóxico obrigatorio como paso previo a practicar a eutanasia", explicou Castellanos.

O conselleiro de Sanidade
O conselleiro de Sanidade | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta