Goretti Sanmartín sobre a fórmula de aluguer de autobuses: "Era a única opción para que non deixasen de circular"

Defende o levantamento do reparo ao pago de "un servizo que se deu á cidadanía", aínda que admite que non é a situación máis desexable.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2023 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, defendeu este mércores que a fórmula de contratación para o aluguer de autobuses en Santiago, considerada nula por un informe de intervención, non é a que lle "gustaría", pero alegou que era a única opción para que "non deixasen de circular" e que o servizo seguise prestándose, á vez que mantivo que o levantamento do reparo ao pago que irá este xoves a pleno é necesario para abonar "un servizo que se deu á cidadanía".

A preguntas dos medios tras un acto en Santiago, a rexedora explicou que tras a súa chegada á alcaldía tentou facer "un modelo diferente" de contratación ao que levara a cabo o anterior goberno socialista para paliar as "deficiencias" da frota no tempo no que se redacta un novo contrato. "Pero atopámonos, de súpeto, no mes de agosto, cun informe de que había 12 autobuses que non estaban en condicións de saír", dixo a rexedora.

Nesta situación, apuntou, só había "dúas opcións", ou "un aluguer rápido ou deixar sen autobuses á poboación de Santiago". O concello optou entón pola mesma fórmula de aluguer que utilizara no seu día o PSOE, un proceso que un informe de intervención municipal considera "nulo" por carecer de "fiscalización previa" e ante o que o PP local considerou ao goberno "cómplice dun delito de malversación de caudais públicos". Nesta situación, o pleno municipal deste xoves debaterá un levantamento de reparo para poder abonar case 30.000 euros daquel primeiro aluguer.

SITUACIÓN IRREGULAR

Goretti Sanmartín lembrou este mércores que o contrato de autobuses de Santiago "está nunha situación irregular desde finais de 2018". Este ano, tras a chegada ao goberno do bipartito, foi necesario reiniciar o proceso de licitación dun novo contrato polas modificacións derivadas da alza de prezos. Trátase, engadiu, do "primeiro compromiso" do seu goberno, que se trata con "a máxima prioridade", coa idea de ter canto antes "un contrato absolutamente regularizado".

Mentres tanto, explicou, producíronse dous contratos de aluguer de autobuses para liquidar deficiencias na frota, un en 2022 por parte do PSOE e outro en setembro deste ano por parte do novo goberno. Substituían, respectivamente, 11 e 12 vehículos que "non podían saír" á estrada. O levantamento de reparo que se abordará este xoves no pleno refírese a parte do pago do aluguer realizado polos socialistas, no que existe o informe de reparo do interventor.

UNHA "SITUACIÓN DE EMERXENCIA"

En declaracións aos medios no marco desta polémica, Goretti Sanmartín defendeu o levantamento de reparo alegando que é unha figura recoñecida legalmente "para situacións de emerxencia" como esta, tendo en conta que o dos autobuses é un "servizo esencial". "O pago é por algo que se prestou", dixo Sanmartín, que lembrou que eses autobuses "estiveron a circular". "É un servizo que si se deu á cidadanía e o que non pode facerse, sería enriquecemento indebido, é non pagar algo que si se prestou", apuntou a rexedora, que recoñeceu que "é unha situación que non é a que nos gustaría".

En canto a outras posibilidades para este aluguer, que critica a intervención municipal, a rexedora apuntou que a "revisión de oficio" do contrato "derivaría en que deixasen de circular os autobuses". "Temos, é certo, un contrato en precario que non ofrece outras garantías", lembrou Sanmartín, para quen "non hai tempo de facer unha licitación" sen cesar o servizo. En resposta ás súas declaracións, o PP local apuntou que "o que di o interventor é que non se cumpriu a lei" e que, por tanto, "o aluguer deses autobuses é ilegal e teñen que anulalo".

En concreto, os populares pregúntanse se, en ausencia dalgún sistema de concorrencia, pódese garantir que os autobuses alugados "a dedo" son "os mellores aos que podería aspirar Santiago" ou "a mellor opción" económica. "Non o sabemos porque se adxudicaron a dedo e sen informe de ningún funcionario", apunta o portavoz do PP local, Borja Verea. Fronte á opción realizada, os populares consideran que o que debería "facer" o goberno local é "unha licitación urxente e de emerxencia, con publicidade e transparencia", solicitando "ofertas para alugar os mellores autobuses", en lugar de "seguir cometendo irregularidades", sosteñen.

Estación de autobuses de Santiago
Estación de autobuses de Santiago | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta