Bombeiros comarcais denuncian o peche de 7 parques este xoves e repiten que o servizo no rural está "en risco"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2023 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Os bombeiros comarcais, que están en folga desde hai meses, volveron a denunciar a través dun comunicado que a falta de persoal segue obrigando ao peche constante de parques e, na xornada deste xoves, pecháronse sete deles: Santa Comba, Arzúa e Ribeira, na provincia da Coruña; Vilagarcía e O Porriño na de Pontevedra; Chantada en Lugo; e o parque de Verín, en Ourense.

O colectivo constatou que, con estes peches, están inoperativos "máis da cuarta parte dos parques dos Consorcios Provinciais" por falta de persoal. Ademais, engadiron que, na provincia de Ourense, o parque de Valdeorras está aberto cun persoal "baixo mínimos" de só dous efectivos.

Segundo denunciaron, esta situación ocorre "sen que ningún dos máis de 450 bombeiros que prestan servizo nos Consorcios estea a facer uso do seu dereito á folga", o que pon de manifesto que "sen a vontade dos traballadores" para facer horas extraordinarias "o servizo non se sostén".

Respecto diso, volveron a insistir en que o aumento de persoais é "imperioso", e subliñaron que os traballadores están "a cumprir rigorosamente" cos seus calendarios laborais, que contemplan a carga máxima horaria que permite o Estatuto dos Traballadores (1.800 horas ao ano).

Nese sentido, reiteraron que as dotacións de persoal son "totalmente insuficientes" para garantir a prestación dun servizo esencial para a cidadanía, e para realizar un traballo "que garanta unhas condicións mínimas de seguridade para as vítimas e para os propios rescatadores". Así, volveron a incidir en que a prestación do servizo nas comarcas do rural está "en risco"

Bombeiros comarcais nunha protesta. M. Dylan - Europa Press
Bombeiros comarcais nunha protesta. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta