Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2023 | Actualizada ás 17:23
A Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) mostraron preocupación e rexeitaron a moción na que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, solicita elaborar "un protocolo fronte a informacións lesivas para calquera concelleiro".
O CPXG enviou un comunicado no que pide retirar a moción --prevista para o pleno deste venres-- dado que "podería abrir a porta á presentación de demandas abusivas e á censura indirecta mediante a exclusión de cabeceiras da contratación pública".
Ademais, apuntou que o goberno local que promove a moción é o mesmo do que recibiron "numerosas chamadas de atención por vetos, ataques e desprezos reiterados a calquera xornalista que publicase información que non fóra da súa agrado".
"Son os tribunais os únicos que poden cualificar unha información como delituosa e, no seu caso, a propia comunidade xornalística, a través dos órganos de autorregulación dos que se dote", trasladou o CPXG. Pola súa banda, a APG considera a moción de Democracia Ourensá como "unha persecución" contra medios e profesionais.
O documento proposto para o pleno deste venres recolle tres puntos para a "Defensa dunha información veraz nos medios de comunicación". En primeiro termo, solicitan que o Concello se manifeste a favor da veracidade xornalística "cun compromiso de defensa legal dos seus concelleiros" ante "prácticas que poidan supor condutas delituosas".
No segundo, que se elabore "un protocolo de actuación fronte a informacións lesivas para calquera concelleiro", traballador ou "a institución mesma". E no terceiro, que o Concello "se absteña de contratar medios de comunicación que fosen condenados por incorrer en condutas das anteriormente descritas". A Asociación de Xornalistas obxectou que se trata dunha "coacción" a profesionais e empresas do sector "que Jácome considere críticos coa súa xestión e a do seu grupo".
CONSTITUCIÓN E LEI DE CONTRATOS DO SECTOR PÚBLICO
"Sorprende que o alcalde de Ourense descoñeza ou non teña claro a estas alturas este axioma, só sometido ás excepcións perfectamente definidas e reguladas no ordenamento xurídico vixente", concluíu a APG en relación ao artigo 20 da Constitución que ampara a liberdade de prensa.
En relación ao terceiro punto da moción, o CPXG lembrou que "calquera contratación pública está sometida ao ordenamento xurídico, especialmente á Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que sinala os motivos para excluír a unha empresa, entre os que non se atopan os que pretende aplicar Democracia Ourensana".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.