Un informe indica que prezo do lecer e a cultura encareceu un 4,6% nos últimos doce meses

O Consello da Cultura Galega realizou un documento que sinala que a situación do ámbito cultural é "claramente positiva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega considera que o ámbito da cultura está nunha situación "claramente positiva", pero advirte de que hai algúns datos que "poderían estar a anunciar un cambio de tendencia".Esa é unha das conclusións do sétimo informe 'Coxuntura estatística do ámbito cultural', que destaca que, en liñas xerais, a situación é positiva, pero no emprego, na exportación e no consumo cultural hai indicadores que mostran "unha moderación".

Escena da obra Unha Xeración. Dous Mundos?. Foto de arquivo. Lorena Sopêna - Europa Press - Arquivo
Escena da obra Unha Xeración. Dous Mundos?. Foto de arquivo. Lorena Sopêna - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Segundo sinalan, o emprego no sector mellorou, con 600 persoas máis no terceiro trimestre de 2023 que no mesmo trimestre de 2022, sendo a cifra máis alta dos últimos anos. Crecen tamén as afiliacións á Seguridade Social (o 0,8%), aínda que por baixo do emprego total do estado, que se sitúa no 3%. Onde máis creceu é entre os autónomos, a 44,5% fronte ao 19,2% do conxunto total. Ademais, houbo máis emprego en deseño, en artes escénicas e en actividades creativas e de espectáculos, fronte a actividades de produción cinematográfica e de vídeo e videoxogos, que perden emprego.

Por outra banda, e máis aló da habitual estacionalidade na contratación, entre as ocupacións culturais máis ofertadas rexístrase un descenso na frecuencia, con 740 contratacións menos entre setembro de 2022 e o mesmo mes de 2023, "o que podería interpretarse tamén como un síntoma de moderación da actividade profesional da cultura". As ocupacións con maiores descensos son as de técnicos de gravación audiovisual, actores/actrices e artistas creativos e interpretativos non clasificados baixo outros epígrafes. Aumenta a contratación de compositores, músicos e cantantes e doutros técnicos e profesionais de apoio. Ademais, destaca a contratación de homes (60,9%) fronte á de mulleres. Tamén indica que hai 33 empresas culturals máis que no mesmo mes do ano pasado.

ORZAMENTO E GASTO

O informe sinala tamén que os orzamentos das Administracións públicas creceron en todos os niveis. Na Administración local, creceron no último ano un 11,6%, mentres que na autonómica fixérono nun 8,4%, "incremento na liña de evolución dos orzamentos xerais". O gasto tamén se sitúa na serie máis alta. Os municipios da Coruña e de Pontevedra son os que realizn un maior desembolso (máis de 91,5 e 54,7 millóns de euros), mentres que os ourensáns son os que menos invisten en cultura (10,4 millóns de euros).

No que respecta ao gasto en cultura das familias, o documento revela que se superaron os niveis previos á pandemia pero nunha proporción menor "porque aumenta o gasto noutras partidas de orzamento de fogares". "Os datos de 2023, baseados nos indicadores de confianza, indican que a poboación galega móstrase optimista con respecto á posibilidade de permitirse seguir consumindo cultura xunto con outras actividades de lecer, aínda que esa expectativa parece que xa non segue crecendo como viña facendo nos últimos trimestres", conclúe o informe.

Con respecto aos públicos, no último ano analizado aumenta a asistencia ao teatro (174.356 espectadores fronte aos 125.953 de 2022), danza (16.205 fronte a 13.112), música clásica (147.152 fronte a 88.873), música popular (778.964 fronte a 579.981) e cinema (2,5 millóns fronte a 1,8), "pero ese incremento está moi lonxe de recuperar as cifras prepandemia" e rexístranse diferenzas negativas do 60% no teatro, de case o 50% na danza e na música clásica, do 40% no cinema e do 13% na música popular. Outro dato achegado é que, nun escenario onde o consumo xeral está moi influído pola evolución da inflación, o prezo do lecer e a cultura encareceuse un 4,6% nos últimos doce meses, case un punto máis que o índice xeral. Tamén indica que os produtos que máis se encareceron foron os libros e a prensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta