Jácome abre expediente de cesamento ao interventor municipal por "obstrucionismo continuado"

Segundo Jácome, o interventor "estaba afeito a ser o rei dos expedientes" do Concello ata que chegou Democracia Ourensana "e acabouse ese rollo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2023 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, abriu un expediente de cesamento do cargo ao interventor do Concello por "obstrucionismo continuado".

O rexedor confirmouno este martes, trasladando que xa lle foi notificado ao funcionario e que a decisión se basea "no obstrucionismo continuado" no desempeño das súas funcións. Así, criticou que "utiliza diversas técnicas, entre elas, a de non informar expedientes, como é a súa obriga, e así bloquealos".

Este anuncio chega despois de que o propio Pérez Jácome apuntase este luns no pleno que acudiría ao xulgado para denunciar ao interventor polos seus reparos á tramitación dos bonos comercio, aínda que este martes matizou que primeiro abrirá un expediente de cesamento e outro disciplinario: "Despois, xa miraremos".

Na sesión extraordinaria celebrada este luns, na que o goberno local non conseguiu o apoio da oposición para sacar adiante o pago de facturas dos gastos do contrato menor do servizo dos bonos comercio de 2023, o rexedor anunciou que denunciaría ao técnico no xulgado "por fraude" e por "sacarse unha lei da manga que non existe" para levar a pleno o pago das dúas facturas ao banco pola xestión destes bonos.

Segundo Jácome, o interventor "estaba afeito a ser o rei dos expedientes" do Concello ata que chegou Democracia Ourensana "e acabouse ese rolo".

Nese sentido, resolveu no pleno que "o que diga o interventor non é vinculante, o que é vinculante é unha sentenza xudicial", e neses termos recalcou que con outros grupos de goberno anteriores o interventor reparaba, pero "como iso non lle servía, agora levábao a pleno aludindo unha pequena irregularidade", porque, segundo a súa versión, "así di: alí como non ten maioría absoluta que se foda".

"IRREGULARIDADE"

Nesta liña, defendeu que "se hai unha pequena irregularidade aquí é do interventor" e por iso anunciara que o denunciaría, insistindo en que "quen cometeu unha irregularidade é el" por "traer a pleno unha discrepancia cando non hai motivo", "porque iso si é unha ilegalidade".

Deste xeito facía referencia ao debate entre o informe do interventor que vía ilegalidade no expediente e o do Coordinador Xeral do Concello, fichado por Pérez Jácome, que defendía a súa legalidade. Unha situación ante a que o Partido Socialista alegou que o informe do interventor debe prevalecer sobre o dun contratado por Jácome.

"Se o interventor fai un reparo, pero outro técnico da casa di que se pode facer, nós temos que buscar o que é proactivo", manifestou o alcalde, para o que todo "se debe a unha guerra de técnicos".

"LAWFARE"

Esta non é a primeira vez que o alcalde apunta ao interventor. O pasado 28 de novembro acusouno de facer "'lawfare', guerra xurídica", criticando que a oposición votou en contra dunha modificación de crédito porque non había informe de intervención, xa que o interventor "non fiscalizou dentro do prazo".

Así pois, sentenciou naquel momento que "non se pode tolerar que un funcionario do concello non cumpra co que nós entendemos as súas obrigacións" e sinalou á oposición afeando "facerlle o xogo" ao interventor. "Estamos a permitir que un funcionario goberne esta cidade. Como alcalde non vou permitilo", remarcou entón ante un interventor ao que non deixou responder as acusacións.

Non foi a única ocasión na que se referiu ao interventor nestes modos, esa mesma semana tamén o fixo noutra sesión plenaria. "Se eu poño verde ao interventor ou ao secretario o que queda é foderse e denunciarme se consideran que fixen algunha inxuria, pero non poden replicar. Soamente poden falar en pleno se queren advertir algunha ilegalidade ou facer algún matiz, non dar a súa opinión sobre se o alcalde meteu a pata", expresou entón defendendo que "é a lei" quen non deixa falar a ambos os funcionarios posto que "non son cargos electos".

O interventor é o segundo alto funcionario ao que abre expediente o alcalde de Ourense. A anterior fora a tesoureira municipal á que o pasado mes de setembro acusou de ser "moi tiquismiquis", "máis que un notario", "retardando todo". "Non a podemos despedir porque si e tense que quedar cun posto similar, pero imos proceder á súa substitución como tesoureira", manifestou, dando a coñecer un proceso de cesamento que, explicou, "adoita durar tres meses máximo".

Arquivo - O candidato de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, durante a súa intervención na sesión de constitución do Concello de Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O candidato de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, durante a súa intervención na sesión de constitución do Concello de Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

A OPOSICIÓN PIDE ACCEDER AO EXPEDIENTE

Os grupos da oposición no Concello de Ourense reclamaron acceder ao expediente de cesamento do interventor municipal, anunciado este mesmo martes polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, alegando "obstrucionismo continuado". En concreto, o Bloque Nacionalista Galego mostrou a súa preocupación ante o que consideran "unha persecución e unha caza de bruxas" iniciada polo goberno local "contra todos aqueles funcionarios que non son dóciles aos seus intereses" e que "simplemente fan o seu traballo con obxectividade e rigor".

Para o portavoz nacionalista, Luís Seara, o anuncio revela "a incapacidade manifesta de Jácome", a quen acusa de "buscar culpables" ante "a insustentable situación económica na que asumiu ao Concello". Para Seara "resulta curioso" que todos os expedientes abertos ata agora sexan dirixidos a funcionarios encargados da xestión económica do concello, posto que lembra que primeiro foi a tesoureira e agora é o interventor.

O nacionalista considera que o alcalde "non comprende que o concello non é Jolper" (o seu comercio de música) e que, por tanto, "é necesario cumprir os procedementos legais establecidos", polo que, afea, "non soporta a aqueles funcionarios que exercendo o seu traballo cuestionen e contradigan o que el di".

Así pois, o BNG tacha o anuncio de "gravísimo", xa que "revela que o goberno local quere cesar á persoa encargada de fiscalizar a acción económica" dun concello que, reiteran, "está sumido nunha situación económica gravísima" e, avisan, "veremos agravada nos próximos meses". Deste xeito, consideran que o alcalde "busca amedrentar" aos traballadores municipais "para que non o cuestionen en ningún momento" "baixo a ameaza de 'ou facedes o que eu digo ou vos expediento'".

Pola súa banda, desde o Partido Socialista solicitaron acceso urxente ao expediente do cesamento para coñecer de primeira man cal é a motivación da decisión, que cualifican de "arrebato". "Trata de servir como cortina de fume para tapar a súa xestión vergoñosa e irresponsable, propia dun pequeno ditador que converteu o concello no seu casarío particular", indicou a portavoz dos socialistas e secretaria xeral da formación a nivel local, Natalia González Benéitez, quen lamentou que o alcalde "vai levar ao límite" a cidade "sen medir as consecuencias persoais, políticas e institucionais" que poidan ter as súas "repentinas" decisións.

Tamén desde o Grupo Municipal Popular solicitaron unha copia do devandito expediente, asegurando que unha vez que teñan acceso ao mesmo e comproben os motivos esgrimidos farán unha valoración "seria e rigorosa". Mentres tanto limítanse a mostrar "máximo respecto" ao traballo que desenvolven os traballadores e funcionarios do concello de Ourense, así como "á súa profesionalidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Ferroviario

Hai dúas ( 2) clases de parvos, os que saben que o son, e os que non saben que o son, e, ademais, pensan que son listísimos. ¿ A qué grupo pensan que pertece J. ?

1 Gamela

Se a xente de Ourense lle dá os votos que pide, igual Jácome remata sendo moi listo...? https://youtu.be/TQsUjGKbv5U?featur... Parecer parece parvo, pero se consideramos os anos que leva sentado no sillón da alcaldía, igual os parvos son os que din ser Oposición ? Se quixeran botalo do sillón o tiñan ben fácil... seica con Jácome Viven Mellor ? ja ja ja

2 Ferroviario

O que eu quero dicir é que J. fala coma falaría alguén que non tivese nen idea de cómo funciona un ente público. Fala coma un analfabeto funcional en materia legal. E desde logo os fallos dos outros non son méritos del. Toda a cuestión de fondo é que lle puxeron reparos ao reparto de 100 euiros do bono, repartido curiosamente xusto antes das eleccións. Xa debía ter pensado repetir a cousa, e de ahí ven o enfado.