A casualidade da influencer Laura Vallejo: Dos fogóns ao monte presumindo de motoserras

Esta moza de Meira ten unha comunidade de máis de 200.000 seguidores nas redes sociais e millóns de visualizacións.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 02/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Podemos definir a Laura Vallejo como operaria forestal, motoserrista, gandeira ou ‘agroinfluencer’, pero ela opta por “unha persoa moi activa e alegre”. Esta moza galega naceu e vive en Meira e actualmente ten unha comunidade de máis de 200.000 seguidores entre Instagram (109K) e Tik Tok (132K) e millóns de visualizacións. Pero, como chegou a isto? Imos coñecer un pouco máis da súa historia.

Laura Vallejo, motoserrista
Laura Vallejo, motoserrista

“Eu nunca pensei que o monte ía ser o meu traballo”, recoñece Laura, que se criou moi preto do campo, xa que os seus pais teñen unha granxa. Sempre moi ligada á gandería, pero cando lle tocou escoller en que formarse apostou polos fogóns. “Formeime en cociña na cidade de Lugo e estiven traballando en bos restaurantes”, conta, pero todo daría un xiro de 180 graos. E niso algo de culpa (no bo sentido) tivo a súa parella. “O meu rapaz decidiu mercar unha máquina forestal porque el dedicábase ao monte que lle viña de familia e eu decidín formarme como operaria forestal para poder botarlle unha man”, explica e engade que sacaba tempo libre para que reparar máquinas, mercar repostos, mentres traballaba na cociña. “Un día cheguei ao punto de ter que decidir e deixei a cociña”. O que naceu como unha casualidade, un traballo ocasional converteuse na profesión de Laura e o monte convertiríase nalgo fundamental en todos os aspectos. 

“Foi duro cambiar de profesión, sobre todo porque volvín da cidade á casa dos meus pais e a xente non o entendía e dicían que estaba tola, non se vía con bos ollos. Marchara con 16 anos e tiven que volver para atrás, pero considero que me formei e que non foi tempo perdido”. 

O SEU DÍA A DÍA NO MONTE

Laura como é a túa rutina de traballo? “A miña función principal é como motoserrista, dedícome a talar árbores polo pé e preparalos para a seguinte máquina que é a procesadora forestal, que se encarga de clasificar a madeira por especie, separa as pólas… Finalmente o meu mozo viría coa máquina que temos en común, un autocargador forestal, que se carga a madeira clasificada para levala ao camión”, expón Laura. Nese intre, remataría o seu traballo dentro do sector. Traballa como autónoma e a súa empresa subcontrátase por outras como Ence ou Finsa en Galicia. “A empresa merca a madeira ao propietario, chámanos para que fagamos o aproveitamento forestal e logo a empresa volve a facerse cargo unha vez o camión entra na nave e decide o destino da madeira”. 

A agroinfluencer Laura Vallejo
A agroinfluencer Laura Vallejo

A onde se destina a madeira? Laura contan que traballan con pino e eucalipto. O pino para facer “mobles, táboas, parte de biomasa, para contrachapado ou laminado” e o eucalipto para “celulosa e as diferentes variedades de papel”. Do eucalipto afirma que medrou rápido e de xeito descontrolado, pero que agora xa se está limitando. “Penso que non é algo malo porque todos empregamos papel hixiénico ou outros produtos derivados e quen diga que non, minte. É unha riqueza que podemos cultivar a Galicia e. por suposto, precisa dun control”, comenta.

O monte ten futuro laboral porque a superficie forestal galega medra cada vez máis. “Os números de corta de madeira nos estudos asustan, pero imos traballar a un monte de Ourense e todo arredor está intacto, millóns e millóns de hectáreas sen cortar”. Laura exerce no monte, pero cada día nun diferente, maioritariamente en Galicia, pero tamén Castela e León ou Extremadura. Recoñece que a conciliación é complicada e que ser autónoma lle permite distribuír os tempos de traballo, xa que hai días que as máquinas non precisan axuda humana se a madeira é fina, por exemplo. “Nunca estás asentado nunha zona e se tivera familia tería que deixar este traballo polo ritmo de vida”. Preguntámoslle pola esixencia física e di que a súa motoserra pesa uns seis quilos e que se leva ben, aínda que cada vez se mellora no rendemento e no peso das máquinas. “Máis que as esixencias físicas o que peor se leva é o clima, traballar en verán con moitísima calor e en inverno, entre a choiva e o frío, todo afecta”, lamenta.  

TRABALLO DOBLE: INFLUENCER

Xa coñecimos o traballo de Laura como operadora forestal, pero non só traballa diso. Desde fai máis de tres anos as redes sociais son outro traballo e parte dos seus ingresos. “Cando apenas tiña 2000 seguidores en Instagram, Husqvarna interesouse por min como creadora de contido nun sector que estaba durmido no contexto das redes sociais con demanda a alza”, lembra. Cando o conta na actualidade di que foi todo unha sorpresa enorme porque creou a súa conta para compartir cos amigos. “Para min as redes sociais estaban idealizadas, eran para modelos que amosan roupa ou maquillaxe”. 

A súa comunidade foi medrando e espertou gran interese en marcas do sector como a mencionada Husqvarna, entre outras que se foron sumando. “A xente parécelle que non, pero detrás dun vídeo de 30 segundos, hai moitísimo traballo”. Grava no monte adaptándose ás condicións e resolve dúbidas da xente: como afiar unha motoserra, a roupa que se emprega… Elixe o contido dos vídeos conforme van xurdindo ideas e fai fincapé en que as redes sociais por si soas non compensan económicamente. “Ata este ano en Instagram podías ter millóns de reproducións e non recibir nada e o que che dá Tik tok polos vídeos é de risa, prácticamente, un céntimo por cada 1000 visualizacións. Se un vídeo chega a moitos millóns, podes xerar uns dez euros e xa é algo extraordinario”, recalca. 

A DOBLE MORAL NAS REDES 

Con todo o dito anteriormente, un dos puntos a ter en conta como creadores de contido é a exposición. Ten Laura Vallejo ‘haters’? “Claro que os teño, basta entrar nos comentarios dalgunha publicación. Atopo xente con doble moral, hai quen é moi agradable e gústalle que podas amosar contido nunha aplicación gratuíta e accesible e outra xente que ten as redes no teléfono, pero non concibe que poda ser unha ferramenta de traballo”. Precisamente resalta que poden ser unha gran opción “se tes a cabeza ben amoblada” pero senón “moi complicado de levar”. 

Ser muller nun ámbito no que non hai referentes, como é o monte, é difícil. Di que hai xente moi inxusta, incluso compañeiros de profesión, que non entenden nin entenderán que teña uns ingresos por isto. “Cheguei ao monte fai catro anos, traballo coas mellores marcas do sector forestal e hai outros que levan 20 anos e non tiveron esas oportunidades e por esa razón deciden xulgarte”. Laura formouse e tocou diversas portas cando deixou os fogóns e non foi doado atopar un oco. “Ningúen me daba traballo ata que atopei ao compañeiro co que hoxe traballo que me deu unha oportunidade”, recoñece. 

Con todo, pensa e ve as redes sociais como algo “que ten caducidade”. Nun futuro ten claro que estará ligada ao campo, da forma que sexa, que se cadra xa non con tanta presenza en redes. “Agora que voltei da cidade, non volvo para ela”, conclúe con determinación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta