Se se repetisen eleccións a día de hoxe, o PSOE recuperaría o liderado e o BNG perdería votantes, segundo o último CIS

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xaneiro dá a volta ao panorama político dos dous últimos meses e sitúa de novo na cabeza ao PSOE cunha estimación de voto marca do 34 % e sacando case dous puntos ao PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2024 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xaneiro dá a volta ao panorama político dos dous últimos meses e sitúa de novo na cabeza ao PSOE cunha estimación de voto marca do 34 % e sacando case dous puntos ao PP. E é que, despois de liderar os barómetros de novembro e decembro, o PP cae case un punto en xaneiro e agora aparece cunha estimación de voto do 32,1 %, en segundo lugar. En canto ao BNG, o CIS constata unha estimación de voto (en porcentaxe sobre voto válido) do 0,7 %, unha décima menos que no barómetro de decembro.

A enquisa reflicte por primeira vez a ruptura da coalición de Sumar tras a saída de Podemos ao Grupo Mixto en decembro. Os de Yolanda Díaz baixan dous puntos, ata o 9,7 %, pero aínda así manteñen a terceira praza superando a Vox, que está no 8,3 %. E Podemos, pola súa banda, reaparece por separado cunha estimación de voto do 2,7 %. O estudo baséase en 4.016 entrevistas telefónicas realizadas en só catro días de xaneiro (do 2 ao 5) a cidadáns de 1.209 municipios de 50 provincias. A marxe de erro é de máis/menos 1,6 %.

A METADE DOS ELECTORES APOIA O BIPARTIDISMO

Se mañá mesmo houbese eleccións, a metade dos enquisados xa teñen decidido votar aos dous partidos maioritarios: un 24,7 % ao PSOE e un 23,5 % ao PP. Moi lonxe están os votantes xa decididos de Sumar (7,3 %) e de Vox (6,1 %). Ademais, hai un 15,4 % que aínda non sabe a quen votaría, un 2,2 % que prefire non contestar á pregunta, e un 7,4 % que se abstería. Co conxunto do cuestionario e aplicando as fórmulas dos sociólogos José Félix Tezanos (presidente do CIS) e Antonio Alaminos, a enquisa outorga ao PSOE unha estimación de voto do 34 %, o que supón o seu mellor dato dos últimos anos: 2,2 puntos mellor que o mes anterior e máis de tres puntos por encima do seu resultado nas eleccións xerais de xullo.

A segunda praza é para o PP cunha estimación de voto do 32,1 %, un punto menos que en decembro e tamén por baixo do 33 % co que Alberto Núñez Feijóo gañou as últimas eleccións xerais. En consecuencia, a diferenza entre os dous grandes partidos dáse a volta e pasa de 1,4 puntos a favor do PP en decembro a 1,9 a favor dos socialistas en xaneiro. Na terceira praza repite Sumar cunha estimación de voto o 9,7 %, o que supón case dous puntos menos que o mes anterior, xa que esta vez Podemos computa por separado e marca un 2,7 % no barómetro.

VOX SEGUE A SÚA CAÍDA NO CIS

Vox segue caendo nas enquisas do CIS e agora está nun 8,3 %, dúas décimas por baixo do dato de decembro, case dous puntos menos que en outubro e catro puntos por baixo do 12,4 % co que foi terceiro nas eleccións xerais de xullo. Entre os partidos de ámbito territorial, Junts dá a volta ás últimas enquisas e agora logra imporse a ERC, cun apoio estimado da 1,5 % fronte ao 1,4 % dos republicanos, mentres que Bildu aparece cun 0,9 % e o PNV cun 0,8 %.

En canto á valoración de líderes, ningún aproba: na cabeza aparece o socialista Pedro Sánchez cunha nota media de 4,42 puntos superando pola mínima ao 4,40 da súa vicepresidenta Yolanda Díaz, líder de Sumar. A medalla de bronce é para Núñez Feijóo (4,16), mentres que Santiago Abascal (Vox) queda lonxe con 2,64 puntos e non se pregunta pola secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra.

Ademais, Pedro Sánchez volve ser o político preferido para presidir o Goberno, cun 30,4 % fronte ao 16,65 % de Alberto Núñez Feijóo e o 6 % de Yolanda Díaz. O presidente do Goberno conta coa confianza dun terzo dos enquisados (35,7 %) fronte a un 63,5 % que teñen pouca ou ningunha confianza nel. Peores rexistros ofrece o líder da oposición, que aglutina a desconfianza do 73,5 % fronte a un 24,8 % que teñen moita ou bastante confianza en Feijóo.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece tras unha rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministro
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece tras unha rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministro | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta