Os veciños de Rois protestan contra a instalación dunha liña de alta tensión na contorna do Castro Lupario

O arquitecto Pedro de Chairo devolve á Xunta o premio Galicia de Arquitectura pola súa "inacción" e promesas "incumpridas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2024 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

Os veciños de Angueira de Castro, no municipio coruñés de Rois, convocaron para este sábado, día 20 de xaneiro, unha protesta contra a instalación dunha liña de alta tensión na contorna do Castro Lupario do Camiño Portugués, por considerar que suporá unha desfeita "patrimonial e ambiental". A protesta terá lugar ás 12,30 horas, lugar onde xa comezaron as tallas e rozas para o inicio da instalación.

Diso informaron nunha rolda de prensa celebrada no Centro Internacional de Prensa de Galicia, da que informaron nun comunicado. Segundo explicaron, trátase da liña de alta tensión (LAT) de 220 KV Lousame Ames- Tibo por parte de Rede Eléctrica Española, un proxecto que foi aprobado pola Xunta e que xerou unha gran oposición debido ao seu "potencial impacto negativo en áreas de gran valor histórico e ecolóxico" como son o Camiño Portugués, o Castro Lupario, o Pazo do Faramello e o núcleo rural de Angueira de Castro.

Na rolda de prensa o portavoz da plataforma de veciños de Angueira de Castro, Marcos Santos, destacou que a administración non deu resposta a ningunha das iniciativas que levan propondo desde fai catro anos, avaliadas por informes do Consello da Cultura Galega e a Academia de Belas Artes, para impedir este trazado ou buscar alternativas.

Pola súa banda, o arquitecto e veciño da zona Pedro de Chairo declarou que esta contorna é un dos de "maior relevancia patrimonial e lendario do país" polo que, "ante a inacción do Goberno galego" tras as "promesas incumpridas" para a revisión do proxecto, o arquitecto decidiu devolver ao Executivo autonómico o premio Galicia de Arquitectura que recentemente lle outorgaron.

No entanto, de Chairo afirmou que "está disposto a reconsiderar a súa postura se a Xunta reverte a súa posición sobre o proxecto, ou toma unha alternativa de consenso" como a que el mesmo propuxo no seu informe, de soterrar o cableado nos lugares máis sensibles.

Así mesmo, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, que agrupa a expertos en peregrinación dos Camiños de Santiago de 18 países distintos, apoiou a mobilización, describindo a instalación da liña de alta tensión como unha "aberración ao ecosistema e ao legado histórico" da comunidade galega.

Acto en denuncia da 'desfeita patrimonial e ambiental' que supón a intalación dunha Liña de Alta Tensión en Rois. CENTRO INTERNACIONAL DE PRENSA DE GALICIA
Acto en denuncia da 'desfeita patrimonial e ambiental' que supón a intalación dunha Liña de Alta Tensión en Rois. CENTRO INTERNACIONAL DE PRENSA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta