Un xulgado de Pontevedra é o primeiro en aplicar a reforma da Lei do Solo nunha sentenza sobre infracción urbanística

A modificación lexislativa ten por finalidade, como explicou o xuíz na súa resolución, "despexar as dúbidas que ata agora se expuñan sobre o concepto de 'obra rematada'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2024 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

O maxistrado do xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra foi pioneiro na aplicación da reforma da Lei do Solo de Galicia (aprobada por unha lei de decembro pasado) á hora de ditar unha sentenza, relativa a unha infracción urbanística.

A modificación lexislativa ten por finalidade, como explicou o xuíz na súa resolución, "despexar as dúbidas que ata agora se expuñan sobre o concepto de 'obra rematada' a efectos do cómputo do prazo de caducidade/perención da potestade da administración para esixir a reposición da legalidade urbanística en edificacións cuxas fachadas só carecen de revestimento exterior ou nas executadas en distintas fases".

En Galicia, esa caducidade prodúcese se transcorreron 6 anos entre a data de completa terminación da obra e a notificación da incoación de expediente de reposición da legalidade. Con todo, a partir do cambio, debe terse en conta que xa se poderán considerar obras terminadas as que carezan de "revestimentos exteriores de paramento e cubertas que non resulten esixibles como condición técnica de seguridade da edificación", así como as edificacións antigas que se amplían ou reforman ilegalmente, permitindo conservar o volume preexistente.

Así o contemplou o xuíz á hora de ditar sentenza con respecto a un recurso interposto por un matrimonio contra unha decisión da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) de Galicia.

Este organismo autonómico ordenara demoler dúas edificacións de uso residencial no termo municipal da Estrada, que carecen de licenza urbanística. Na súa sentenza, o xuíz estima en parte o recurso presentado e, tras concluír que unha das dúas edificacións pode considerarse terminada con máis de 6 anos de antelación á data de incoación do expediente, sinala que "sería posible salvala da orde de demolición".

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta