Por Galicia Confidencial | | 14/08/2015 | Actualizada ás 09:40
A Espenuca, en Coirós, non é unha fraga calqueira. É a fraga que resiste e vive grazas aos esforzo da xente, pero sobre todo, do laborioso e intenso traballo realizado pola ONG Fragas do Mandeo.
A pasada semana, esta entidade rematou a primeira fase da restauración ecolóxica e paisaxística do monte da Espenuca, tras actuar nunha parcela de titularidade municipal de 16.846 m2 situada ó norte da ermida. Unha actuación que ten como obxectivo recuperar o bosque autóctono e "impedir que este eucaliptal volva a cegar as vistas do miradoiro".
Precisamente, nesta fase procedeuse a eliminar os eucaliptos. "Hai algo máis dun ano o Concello de Coirós cortounos, pero afillaron con forza e xa eran máis altos que unha persoa", apunta Fragas do Mandeo. Por iso, durante o mes pasado e primeiros deste, voluntarios da entidade trituraron toda a ramallada que quedara da corta e rozou tódolos eucaliptos. "Neste traballo precisamos o emprego de ferramentas manuais e de maquinaria, con especial coidado para non realizar movementos de terra nin alterar rochas, tanto polo seu valor intrínseco coma pola posibilidade de afectar a restos arqueolóxicos. Tamén amañamos un tramo de medio quilómetro da pista forestal, para facilitar o paso", indica.
Ademais, a ONG deseñou un itinerario que a percorre na súa totalidade a parcela, unindo camiños interiores e cruzando unha pequena carballeira que sobrevive nela. No seu arranque instalaron un panel informativo que axuda a identificar nove especies de árbores autóctonas, e lendo co móbil un código QR accédese a información sobre o seu patrimonio natural e cultural na nosa web.
Esta semana iniciarán a segunda fase, na que reforestarán con carballos a zona que ocupaban os eucaliptos. Tódalas persoas que queiran colaborar como voluntarios na súa plantación están invitadas a poñerse en contacto con Fragas do Mandeo escribindo a correo@fragasdomandeo.org ou chamando ó 981 105 903.
Estas actuacións entran no marco do convenio que asinaron co Concello de Coirós o pasado 5 de maio. Grazas a este acordo poderán xestionar durante 50 anos sete parcelas de bosque de titularidade municipal situadas no contorno do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. A parcela na que están a traballar é unha das tres localizadas no monte da Espenuca. O estado de conservación delas ten unha grande incidencia paisaxística, pois suman unha superficie de 64.195 m2. A rexeneración das outras dúas, apunta, está adiada para cando dispoñan do financiamento necesario.
Paralelamente, e coa colaboración da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia, durante os meses de xullo e agosto, catro grupos de voluntarios están axudando a eliminar plantas exóticas invasoras, e nas tarefas de reforestación dun dos montes situado en Ois, na ribeira do Mandeo.
Actualmente están, ademais, a programar a cuarta edición da Semana de Custodia do Territorio entre o 19 e o 27 de setembro. A xornada de conferencias centrarase nas especies exóticas invasoras da bisbarra, abranguendo problemas como o dos plumachos ou o das nespras asiáticas. Incluirá tamén actuacións de voluntariado como a eco-regata e a participación na limpeza simultánea de ríos de toda Galicia, abertas á participación de particulares e de entidades que queiran mellorar o estado dos nosos espazos naturais.
O pasado 6 de xullo Fragas do Mandeo celebrou o seu quinto aniversario. Neste período asinou acordos que lle permiten custodiar unha superficie de 200.887 m2 de alto valor ambiental, case a metade mediante a compra de parcelas e o resto con acordos a longo prazo. "Todo isto foi posible principalmente grazas ó apoio dos nosos simpatizantes, que participan en xornadas de voluntariado, atenden os rastrillos solidarios ou fan modestas doazóns que nos permiten seguir comprando montes para preservar a biodiversidade mariñán", suliñan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.