Pensionistas, traballadores de residencias e Sindicato Labrego Galego apoian a manifestación en defensa da sanidade

Estas asociacións lamentaron que a "situación de destrución" da Atención Primaria en Galicia "está a alcanzar un punto de inflexión que vai ser irreversible en breve se non se toman medidas inmediatas". Por iso, tamén se mobilizarán do vindeiro domingo a partir das 12.00 en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2024 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

O Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepén), o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Traballadores de Residencias de Galicia (Trega) e Vellez Digna (Asociación de Familiares e Usuarios de Residencias) mostraron este xoves o seu apoio á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública, que se levará a cabo o vindeiro domingo, día 4 de febreiro, en Santiago.

Nun comunicado, estas asociacións lamentaron que a "situación de destrución" da Atención Primaria en Galicia "está a alcanzar un punto de inflexión que vai ser irreversible en breve se non se toman medidas inmediatas". Estes colectivos subliñaron que a Xunta é o segundo goberno autonómico con menos gastos sanitario por persoa, "cuestión que se agrava se se ten en conta que Galicia é un dos territorios coa poboación máis envellecida".

"É imprescindible incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, polo menos ata o 25 % do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS)", engadiron, esixindo tamén unha atención á saúde "digna" no rural. As asociacións apuntaron á estratexia de "depauperación" da calidade da sanidade pública do Executivo autonómico para "favorecer a súa privatización", vinculando o aumento da mortalidade evitable co incremento das listas de espera. Por estas e outras razóns, ditas organizacións apoiarán a manifestación do próximo domingo, que se levará a cabo en Santiago a partir das 12.00 horas.

Persoa anciá pensionista sendo atendida por unha coidadora nunha residencia
Persoa anciá pensionista sendo atendida por unha coidadora nunha residencia | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta