Por gcdeportes | A Coruña | 06/09/2015 | Actualizada ás 09:57
Tráxico accidente no Rally da Coruña, con ata seis mortos e dezaseis feridos, algún deles grave. Un Peugeot 206 XS participante saiuse da estrada e atropelou a numerosas persoas que presenciaban a proba deportiva, algunha delas sentada, nun tramo do percorrido que baixaba do monte Xalo a Carral, preto da igrexa de Santo Estevo de Paleo. Había nesa zona moita xente nas cunetas, por ser un tramo preto do pobo, que estaba en festas.
Segundo as primeiras informacións, os falecidos serían catro mulleres, dúas delas embarazadas, e dous homes, e habería un menor de idade. Ademáis, no accidente houbo alomenos dezaseis feridos, que foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, algún deles en estado grave. Entre eses feridos, catro cativos, tres deles ingresados na UCI, que foron trasladados ao hospital Materno Infantil Teresa Herrera.
Axentes da Garda Civil, de Tráfico, Policía Local, Protección Civil e Ermerxencias Sanitarias desprazáronse ao lugar do suceso para atender a vítimas e familiares. Houbo un grande caos na zona pola afluencia dos familiares, con varios quilómetros de retencións na Nacional 550 ao seu paso por Carral.
O suceso tivo lugar arredor das oito da tarde, cando se celebraba xa o último tramo do rally, que este ano volvía disputarse despois de 14 anos suspendido. A 20ª edición do Rally da Coruña, con arredor de 140 participantes, foi suspendida de xeito inmediato. O Concello de Carral, segundo anunciou o seu alcalde José Luis Fernández Mouriño, suspendeu as festas.
A Garda Civil de Tráfico investiga xa as circunstancias do tráxico accidente, que correspondeu ao xulgado número 8 da Coruña, para determinar posíbeis responsabilidades por parte do piloto. Sergio Tabeayo, veciño do mesmo Carral, e o seu copiloto, Luis Miguel Prego, de Cerceda, ocupantes do Peugeot 206 XS que causou o accidente, atópanse en bo estado pero moi afectados pola traxedia. Segundo as testemuñas, o piloto perdeu o control do coche nunha recta, antes de tomar unha curva á dereita. Tamén segundo as testemuñas, os comisarios da proba terían pasado polo lugar para pedir á xente, moi preto da estrada, que se retirasen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.