Por Galicia Confidencial | Carballo | 17/03/2024 | Actualizada ás 09:00
O Festival de contidos dixitais Carballo Interplay nace en 2014 como un evento pioneiro: o primeiro Festival de webseries do Estado. A partir de 2015 pasa a ser un Festival de contidos dixitais sempre atento ás novas linguaxes, englobando novas propostas e xeitos de entender a narración e a cultura audiovisual en relación coa rede, un medio en continua transformación. O Interplay é un evento referente para os creadores e creadoras, os axentes do sector audiovisual e e audiencia, que cada vez ocupa un papel máis partícipe.
Un dos principais sinais de identidade do festival é a búsqueda, detección e impulso de talento novo para incluílo entre a súa programación, tanto a nivel galego como estatal. Deste xeito, a combinación de industria, programadores e programadoras, proxectos consolidados e talento novo fai do Carballo Interplay unha experiencia transversal e enriquecedora para todas as persoas asistentes.
O evento chega este ano á undécima edición e cambia de localización dentro da vila de Carballo, farase no Mercado Municipal do 4 ao 7 de abril.
ADIANTO DE CONTIDOS
Na xornada do sábado 6 de abril terán lugar tres mesas redondas para falar da “nova internet” co activismo e a política como temas centrais sobre os que falarán algunhas das voces máis recoñecidas do panorama estatal dixital.
Na xornada da mañá analizaranse as últimas tendencias na rede, nun panel no que analistas e curadoras expertas en tendencias responderán a unha cuestión que titula a conversa: “E se imprimimos internet?”
O segundo panel, que leva por nome “O dixital é político”, centrarase en como as xeracións X e Z constrúen lazos e traballan alternativas dende o eido dixital. Voces activistas, feministas, decoloniales e antifascistas de Galicia e outros puntos de España que buscan demostrar que a xente nova quere traballar para facer deste un mundo mellor aportando a súa visión fronte as políticas que se levan a cabo ou analizando a actualidade e como lle afecta á sociedade. Entre outros, participarán Iván Iglesias, fundador do medio ourensano OU Ké!; e Román Varela, un dos fundadores do podcast galego Carretando.
Nesta xornada tamén haberá oco para coñecer o traballo de colectivos organizados como Pantube, un movemento de creadores e creadoras de contidos dixitais de esquerdas onde se ponden atopar referentes do videoensaio coma Contrapoints, Lindsay Ellis e Abigail Thorn.
Pódese seguir a programación na propia páxina web do festival.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.