Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2024 | Actualizada ás 15:41
O PPdeG quere conquistar a toda costa as dúas grandes cidades de Pontevedra, Vigo e e a capital provincial, logo de ter conquistado o goberno da deputación nas municipais do 2023. Por iso, o seu presidente, Luis López, decidiu modificar o organigrama do organismo provincial para dar presenza e visibilidade aos seus dirixentes nas cidades de Vigo e Pontevedra.
Por iso, aproveitou o pleno de toma de posesión como deputada a popular da viguesa Luisa Sánchez Méndez, para situala como vicepresidencia segunda da administración provincial. Así, será a "interlocutora de referencia na cidade de Vigo e toda a súa contorna" e tamén será a responsable das áreas de Deportes, Economía e Impulso do emprego.
Luis López informou dos cambios no executivo provincial propiciados pola chegada da concelleira do PP de Vigo que, "loxicamente", leva "unha reasignación das áreas" tras a saída de Marta Fernández-Tapias o pasado 19 de febreiro. Uns cambios nos que tamén entra o ata agora vicepresidente segundo e portavoz municipal do PP no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, que pasará a ocupar a vicepresidencia primeira e engade ás súas competencias a xestión dos xacementos arqueolóxicos, que suma á xestión que xa levaba a cabo co proxecto de rehabilitación do convento de Santa Clara e a súa contorna. Rafa Domínguez será quen substitúa ao presidente da Deputación cando este teña que ausentarse.
Ademais, o deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, levará a partir de agora a área de Cultura que engade á xestión que xa tiña en reto demográfico, mocidade e desenvolvemento rural; mentres que o arousán Javier Tourís asume a xestión da Estación Fitopatológica do Areeiro ademais da que xa tiña en acción comunitaria e equipamentos públicos.
DISPOSTA E LEAL
O resto de deputados do goberno provincial manterán as mesmas áreas que ata agora, segundo manifestou Luís López, quen agradeceu a Luisa Sánchez que aceptase dar este paso. Dela, destacou que é unha persoa "disposta, preparada e moi leal" e engadiu que "o máis importante é que saímos todos gañando" posto que é "unha persoa cunha solvencia acreditada".
Neste sentido, lembrou que Luisa Sánchez foi durante 25 anos directiva de Povisa, "unha das empresas máis importantes da provincia no ámbito sanitario" polo que "Vigo gañará a unha persoa que responderá con cordialidade e rotundidade cando se trate de defender os intereses da cidade".
O presidente da Deputación de Pontevedra e presidente provincial do Partido Popular non quixo pronunciarse sobre a posibilidade de que Luisa Sánchez sexa a referencia do PP en Vigo a partir de agora, xa que os populares contan actualmente cunha xestora na cidade olívica coa delegada da Xunta, Ana Ortiz, presidindo a dirección provisional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.