O Dicionario da RAG actualiza a definición de 'autismo'

"Non é un mal funcionamento dos sistemas corporais", din desde a Federación de Autismo Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2024 | Actualizada ás 10:42

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) modificou, no seu dicionario 'en liña', a definición do autismo, para adaptarse aos cambios producidos na súa descrición científica e na súa percepción social, e a petición da Federación de Autismo Galicia.

Este cambio prodúcese en véspera da conmemoración do Día Mundial do Autismo, e tras o acordo do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. A académica de número e coordinadora en funcións do Seminario, Dolores Sánchez Palomino, explicou que a institución quere "promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade" e iso supón un "proceso constante de revisión e modernización" do Dicionario.

A Federación de Autismo Galicia solicitara a actualización da definición da entrada de 'autismo' e facilitou a documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos deste trastorno do desenvolvemento neurológico, que deixan atrás a súa consideración como unha enfermidade.

"O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamiento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica, e destaca a importancia de aceptar e apoiar ás persoas no espectro autista, en función das súas necesidades e fortalezas individuais", argumentou a Federación, que representa a máis de 10.000 persoas en Galicia, tanto persoas con autismo como as súas familias.

A nova redacción, define o autismo como un "trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación, e por patróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados". De acordo con este cambio tamén se actualizou a voz 'autista'.

No apartado de observacións, o Dicionario engade que, normalmente, utilízase a expresión 'trastorno do espectro autista ou trastorno do espectro do autismo (TEA)', para designar un conxunto amplo de condicións que teñen unha prevalencia de 1 caso por cada 100 nacementos.

Nova definición de 'autismo' no dicionario da Real Academia Galega.. REAL ACADEMIA GALEGA
Nova definición de 'autismo' no dicionario da Real Academia Galega.. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta