Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/04/2024 | Actualizada ás 14:22
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu este xoves unha vista de conformidade na que foron condenadas 3 persoas, integrantes dunha rede dedicada á venda e distribución por toda España de decodificadores 'pirata' e de 'firmware' que permitía o acceso non autorizado a contido audivisual de diversas plataformas, e da que formaban parte tamén outras persoas que xa foron xulgadas en novembro pasado (o deste xoves era un xuízo sinalado en relación a unha peza separada do mesmo procedemento).
Neste caso, eran acusadas (por Fiscalía e plataformas denunciantes) 9 persoas e varias empresas, dun delito contra o mercado e os consumidores, contra os servizos condicionais de radiodifusión, en concurso medial cun delito contra a propiedade intelectual. Tras un acordo de conformidade, o Ministerio Público rebaixou a súa petición de pena, ao que se adheriron Mediapro, EGEDA e Telefónica Movistar (acusacións particulares), e o tribunal ditou sentenza na sala, declarándoa firme.
Deste xeito, a Audiencia condenou a Enrique Javier V.B., Álvaro D.T.A. e Marcos P.M. á pena de 6 meses de prisión e ao pago dunha multa de 1.080 euros, coa aplicación da atenuante de dilacións indebidas. Ademais, deberán indemnizar a Telefónica en 120.000 euros, a EGEDA en 90.000 euros e a Mediapro noutros 90.000 euros, un total de 300.000 euros que xa foron consignados. O resto de procesados foron absoltos e, tras a petición da Fiscalía, levantaranse as medidas cautelares impostas (embargos preventivos e prohibición de abrir contas correntes). Tamén se devolverán 3.468,50 euros, e un total de 21,794 bitcoins a tres deles.
FEITOS RECOÑECIDOS
Os acusados, entre 2014 e 2016, dedicáronse á venda de decodificadores 'pirata' de distintas marcas e tamén obtiñan os 'firmware' específicos para cada un deles, de maneira que permitían a conexión a servidores nacionais e estranxeiros para acceder fraudulentamente a contidos audiovisuais (partidos de fútbol, cinema, series, etc.) de plataformas de pago. A investigación destes feitos formou parte dun procedemento máis amplo, que se separou en dúas pezas, e polo que xa se celebrou un xuízo en novembro do ano pasado. Naquel caso, foron acusadas 7 persoas e a empresa Engel Systems.
Entón tamén se alcanzou un acordo e aplicouse a atenuante de dilacións indebidas. Así, en novembro, a Audiencia de Pontevedra absolveu a un acusado e condenou a seis persoas (polo delito contra os consumidores e por organización criminal) a penas de prisión de entre o mes e medio e os 18 meses de prisión, substituídas por penas de multa, así como unha multa de 20.650 euros para a empresa.
O tribunal tamén estableceu que Engel Systems debía indemnizar en máis de 670.000 euros ás plataformas afectadas, e esa foi a primeira sentenza por vía penal que condenou a unha persoa xurídica por un delito contra a propiedade intelectual no ámbito da 'pirataría' audivisual. Coa sentenza deste xoves queda pechada xa esta causa, e os letrados das empresas denunciantes trasladaron a súa satisfacción porque, aínda que houbo cesións no que respecta ás penas ás persoas físicas acusadas, as plataformas lograron indemnizacións que se achegan ao millón de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.