Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2024 | Actualizada ás 13:27
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reprochou a Alfonso Rueda un discurso de "confrontación", na súa intervención na investidura como candidato do PPdeG á presidencia da Xunta.
"Chamoume a atención que a cuarta parte do discurso fose confrontar, non é o camiño", sentenciou o delegado do Goberno a preguntas dos xornalistas nunha visita a unha cooperativa en Oza-Cesuras.
E é que, ao seu xuízo, este é o momento "da colaboración". "As eleccións xa pasaron, hai unha chea de necesidades que hai que atender", apostilou para apelar á "lealdade institucional" e a "porse a traballar" en lugar de "botar a culpa a un terceiro".
Mentres, cuestionado pola proposta dunha Direción Xeral de Asuntos Constitucionais, exposta por Rueda, admitiu estar un pouco sorprendido. "Paréceme unha especie de bluf", apostilou aludindo xa á existencia en España do Tribunal Constitucional.
INÉS REY SOBRE O DISCURSO
A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, cualificou de "decepcionante" o discurso de Alfonso Rueda como candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, durante o debate de investidura. "É decepcionante que non nomease á cidade nin comprometese actuacións de futuro", expuxo, a preguntas dos xornalistas e ao reivindicar á Coruña como "o motor económico de Galicia".
"Parece un discurso de oposición ao Goberno central", apostilou tamén a rexedora coruñesa, quen argumentou que a Galicia lle iría mellor "se o presidente da Xunta traballase pola comunidade autónoma".
"E tivese en conta as necesidades e fixese políticas públicas, mais alá de que a súa axenda a marque a política en Madrid". "Xa condicionou bastante o seu investiddura a política de Madrid e espero que non condicione o seu mandato", apostilou nunha rolda de prensa na que informou os asuntos aprobados en Xunta de Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.