Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/10/2015 | Actualizada ás 21:56
O dicionario ofrece un modelo de pronuncia da lingua galega, na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. Dado o interese lingüístico desta ferramenta e os posibles usos que podería ter para o emprego, por exemplo, no desenvolvemento de ferramentas de aprendizaxe do idioma etc. A Amtega e mais o ILG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística decidiron colaborar para liberalo.
Máis de 66.000 documentos sonoros
Un total de 66.714 ficheiros de son en formato aberto ogg compoñen este recurso liberado. Ademais de léxico común, incluíndo as voces máis recentes do dicionario da Real Academia Galega, inclúense tamén mil nomes propios de persoas, 1.500 apelidos e os nomes dos concellos, comarcas e parroquias do país, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros.
Así, hoxe publícanse os recursos que compoñen este dicionario para facilitar a súa reutilización por parte de calquera persoa ou empresa interesada. Estes recursos consisten na base de datos que relaciona o léxico recollido no dicionario coa súa pronuncia así como os ficheiros correspondentes á pronuncia de cada unha das palabras.
Este material foi elaborado a través dunha colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a USC, por medio do ILG, e contou coa colaboración da Radio Galega.
Repositorio de Software Libre da Xunta
A base de datos do dicionario de pronuncia está dispoñible no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia. Todos os ficheiros publícanse na páxina do proxecto (/) baixo a licenza Creative Commons Atribución-CompartirIgual 4.0 Internacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.