O plan de financiamento das universidades galegas contará con máis fondos para cubrir as matrículas gratuítas dende xullo

Román Rodríguez compromete que "se van a xestionar de forma directa coas propias universidades para que non perdan nin un só euro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2024 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, informou de que se incrementará o plan de financiamento das tres universidades galegas públicas con fondos "a maiores" para cubrir os gastos de matrículas gratuítas. A preguntas da prensa este martes durante unha visita ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), onde acompañou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Educación asegurou que "se van a xestionar de forma directa coas propias universidades para que non perdan nin un só euro".

Visita ao CiQUS do presidente da Xunta, Alfonso Rueda
Visita ao CiQUS do presidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Os alumnos que empecen as súas carreiras no curso 2024-2025 terán as súas matrículas gratis, á vez que haberá diferentes requisitos de aprobados en función dos graos para os seguintes cursos. Igualmente, Rodríguez indica que están a traballar cos equipos técnicos para "coordinar os sistemas informáticos e darlle aos alumnos o menor traballo posible cando van materializar a súa matrícula". Agrega que o proceso de matriculación comeza a xullo e espera que de aquí a xullo os sistemas informáticos estean coordinados para "poder facelo dun modo automático".

Cuestionado por que aquí se aposta pola universalidade das matrículas e non o fai tamén a Xunta cos libros de texto na educación obrigatoria, Román Rodríguez respondeu que "non hai diferenza de criterio porque son dúas cousas diferentes". "Aquí estamos a falar de facilitar o acceso ao ensino universitario", segundo di, "en igualdade de condicións" e baseado en "o esforzo", mentres que no caso dos libros de texto defíneo como "o financiamento dun recurso complementario, necesario pero complementario en función da renda".

Sobre canto suporá o custo desta medida, o conselleiro contestou que é "difícil de cuantificar de modo apriorístico", debido a unha situación "moi fluctuante", polo que se saberá "a posteriori". "Está claro que todos os alumnos que entren en primeiro van ter un acceso gratuíto", deixa claro, pero a partir de aí será "en función da porcentaxe de esforzo". Lembra que independentemente disto, as taxas universitarias seguirán sendo "das máis baixas de España", o que contrasta con que "algunhas comunidades socialistas téñenas das máis altas".

A comezos de ano, con motivo dunha reunión cos tres reitores, o por entón candidato á reelección como presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estimaba que a proposta de gratuidade das primeiras matrículas dos graos universitarios galegos custará ás arcas autonómicas ao redor de 18 millóns de euros. De feito, apuntaba a un aforro medio duns 3.000 euros por alumno.

CRÍTICAS DO PSDEG

A preguntas dos medios sobre críticas do PSdeG por cuestións como non incluír os másteres na gratuidade, o conselleiro reprochou que "non deixa de ser curioso que o PSOE reclame algo en Galicia que non fai nas súas comunidades". "En Navarra e Asturias non se coñece nin tan sequera a intención de implementar unha medida como esta", espeta. Aposta por unha universidade "máis accesible" con "igualdade de oportunidades par todos o novas que queiran cursar unha carreira universitaria", baseado no "alicerce" do "esforzo". "Se non, sería unha barra libre que tería efectos perversos non desexados por ninguén", avisa Rodríguez.

"Sorpréndenme esas críticas porque se dicía que había que extrapolar isto aos másteres", proseguiu. "O PSOE acaba de aprobar unha lei, a LOSU, na que se di que hai que chegar a un nivel mínimo de financiamento do PIB rexional autonómico para o financiamento das universidades, pero non achega un só recurso", recrimina. Demanda que "se materialice con recursos económicos". "Se non, entrariamos no xa famoso: eu convido e ti pagas", reprobou o conselleiro. Lamenta que o PSOE "tente xerar ruído" ante esta medida, pero "o máis importante o impacto que vai xerar en centos e de miles de estudantes", nunha "unha situación de máxima equidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta