Case 200 investigadores reunidos en Santiago na asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

Esta cuarta asemblea estivo estruturada en tres bloques temáticos e cinco paneis nos que se enmarcaron as trinta e seis conferencias

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A cuarta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuniu na Cidade da Cultura, en Santiago, a máis de 170 investigadores, nunha xornada na que se presentaron os avances do plan e os resultados do traballo realizado polas 14 institucións e centros de investigación implicados.

Como novidade nesta edición, presentáronse os membros do comité experto externo, un órgano consultivo independente creado polo propio Programa de Ciencias Mariñas de Galicia co obxectivo de recibir asesoramento externo e apoio estratéxico, así como para avaliar a calidade da actividade científica e de innovación desenvolvida.

Está composto por Arantza Murillas Maza, Eva García Vázquez, Dolors Furones Nozal, Juanjo Dañobeitia Canles e Xabier Irigoien Larrazabal que desenvolven o seu labor, por esta orde, no Centro de Investigación Mariña e Alimentaria-AZTI, Universidade de Oviedo, Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA), o Centro Mediterráneo de Investigacións Mariñas e Ambientais (Cmima-CSIC) e do NEOM de Arabia Saudita. Este comité contribuirá ademais á difusión do programa galego e a transferencia dos seus resultados.

Esta cuarta asemblea estivo estruturada en tres bloques temáticos e cinco paneis nos que se enmarcaron as 36 conferencias, que correron a cargo do persoal investigador de Meteogalicia, IEO-CSIC da Coruña e Vigo, IIM-CSIC, Intecmar, Cetmar, Cesga e das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

O coñecemento como panca para a xestión sustentable do medio, a transformación social e a resiliencia na contorna litoral; a investigación e innovación para unha xestión pesqueira e unha produción acuícola sustentable e intelixente, así como a estratexia integrada de observación e monitorización mariña en Galicia foron o tres eixos temáticos nos que se enmarcaron as 17 presentacións desenvolvidas ao longo da mañá e da tarde.

Máis de 170 investigadores abordan en Santiago avances en ciencias mariñas. XUNTA
Máis de 170 investigadores abordan en Santiago avances en ciencias mariñas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta