O novo plan antincendios incorpora por primeira vez 6 máquinas polivalentes de roza e extinción

O dispositivo mantense en 7.000 persoas, cunha trintena de medios aéreos e 380 motobombas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2024 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

O novo plan de loita contra o lume (Pladiga) da Xunta incorpora por primeira vez a seis máquinas hidrostáticas polivalentes que poden facer tanto labores de roza como de extinción. Diso informou este xoves a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en declaracións antes do Consello Forestal, celebrado en Boqueixón, no que se expuxo este plan de loita contra o lume para 2024, que inclúe novidades como a creación de 44 puntos de auga para a recarga de medios de extinción. Tamén entra en servizo a nova base de medios aéreos transfronteiriza de Verín-Oímbra.

O dispositivo para a campaña estival de alto risco mantense en 7.000 persoas entre profesionais da Xunta e outras administracións, cunha trintena de medios aéreos e 380 motobombas (18 novas unidades entregáronse nos últimos días). A conselleira subliña que haberá máis de 150.000 horas de formación para o persoal. Ademais, Gómez lembrou que este ano o persoal fixo descontinuo que realizaba o seu labor durante seis meses incrementa o seu tempo de traballo ata os sete meses, coa previsión de alcanzar os nove meses en 2026. O Pladiga deberá ser agora aprobado no Consello da Xunta. Entre os seus plans inclúe o de prevención, xa abordado polo Goberno galego o pasado 15 de abril.

FÁBRICA DE ALTRI

Neste Consello Forestal debateuse na orde do día, a instancias do Sindicato Labrego Galego (SLG) e outras organizacións, sobre o proxecto de fábrica de Altri en Palas de Rei. Segundo informa o Sindicato Labrego, representantes da empresa acudiron ao Consello Forestal para informar sobre un proxecto que para o SLG supón "unha macrocelulosa dez veces maior que a de Ence na ría de Pontevedra". Así, demanda datos sobre que volume de "macrocultivos" de eucaliptos que vai supor, á vez que insta á Xunta a pór en marcha un modelo forestal "acorde ás demandas da sociedade galega, non aos intereses privados".

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no Consello Forestal
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no Consello Forestal | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta