Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2024 | Actualizada ás 17:14
A Consellería de Sanidade concluíu que o brote de gastroenterite rexistrado en colexios de Ames debeuse a contagios de norovirus, polo que se descarta a hipótese dunha contaminación alimentaria no servizo de comedor. Segundo traslada Sanidade, as análises das mostras de alimentos tomadas a semana pasada e a comezos desta non permitiu detectar contaminación microbiológica.
Ademais, a inspección de saúde pública realizada no comedor no CEP de Ventín, epicentro deste brote que tamén afectou ao Agro do Muíño, non permitiu achar ningunha deficiencia neste servizo xestionado polo Concello.
Por tanto, a hipótese actual de Sanidade, tras a realización de coprocultivos --análise das feces dos pacientes--, é que este brote con ao redor dun centenar de afectados debeuse, probablemente, a contaxios de persoa a persoa de norovirus
Con todo, non se notificaron casos novos en catro días, desde que o luns a cifra de afectados chegaba aos cen. Ningún deles tivo sintomatología grave nin requiriu hospitalización. Xa o luns o Concello de Ames, tras reunirse con representantes de Sanidade, acordara manter o normal funcionamento dos comedores escolares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.