A EOI abrirá dez espazos de coworking en Galicia a partir de febreiro

Trátase de espazos para proxectos temperáns, non maduros; aqueles que teñen a idea pero precisan apoio para levala até o final.

Por GC Emprende | Compostela | 31/10/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O presidente da Escola de Organización Industrial (EOI), Fernando Bayón Mariné, anunciou a posta en marcha de 10 espazos de coworking en Galicia, seis deles en colaboración coa Xunta, a partir do próximo mes de febreiro.

Espazo de coworking na Tecnópole de Ourense
Espazo de coworking na Tecnópole de Ourense

Esta iniciativa forma parte do "ambicioso" programa deste organismo, que depende do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, coa que pretende pór en marcha 45 espazos destas características en toda España.

Trátase de espazos para proxectos temperáns, non maduros; aqueles que teñen a idea pero precisan apoio para levala até o final, afirmou Bayón Mariné durante a clausura do Día do emprendedor de Galicia, na que tamén participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A conferencia inaugural desta xornada correu a cargo de Edurne Pasabán, primeira muller en conquistar os 14 cumes de máis de oito mil metros, que achegou as súas claves para alcanzar o triunfo "ante calquera éxito persoal e laboral" baseada na súa experiencia.

A montañeira vasca afirmou que hai "moitos paralelismos entre o reto de subir montañas e emprender un proxecto" e animou aos asistentes ás xornadas: "Todos tedes un oito mil na vosa vida". Para superalos, indicou, hai unha serie de "ingredientes", entre eles: ambición, afán de superación, fame polo éxito e, sobre todo, paixón, porque é o elemento "principal" para conseguir o obxectivo que vos propoñades.

Imaxe promocional do coworking cultural
Imaxe promocional do coworking cultural

Bayón Mariné, pola súa banda, incidiu na aposta do Ministerio polos emprendedores, aos que cualificou como "valentes" e destacou que un país "avanza na medida en que innova, crea e ten valentes que desenvolven os soños que teñen". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta