Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/06/2024 | Actualizada ás 18:01
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable formalizou por un importe de 862.526 euros (IVE incluído) un contrato para a avaliación da seguridade viaria de máis de 12.400 quilómetros da Rede de Estradas do Estado (RCE), correspondentes a vías de varias comunidades --entre elas Galicia-- de gran capacidade e outras estradas principais en servizo.
O anuncio correspondente será publicado proximamente no Boletín Oficial do Estado (BOE), segundo informou o organismo nunha nota de prensa. En concreto, analizarase a seguridade viaria en 11.684 quilómetros de autoestradas e autovías, 53 quilómetros de estradas multicarril e 665 quilómetros de estradas convencionais, pertencendo os tramos incluídos no estudo destas dúas últimas tipoloxías de estradas á Rede Transeuropea de Transportes.
O obxecto do contrato é o de proporcionar á Dirección Xeral de Estradas os servizos para poder desenvolver a Avaliación da Seguridade Viaria na RCE.
Tamén se incluirán aquelas estradas e proxectos de infraestruturas viarias da RCE que leven a cabo utilizando financiamento da Unión Europea e que estean situadas fóra das zonas urbanas e ás que non teñan acceso as propiedades lindeiras, coa excepción das que non están abertas á circulación xeral de vehículos de motor.
O contrato dividiuse en tres lotes. Lote 1: Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, A Rioxa e Navarra; Lote 2: Madrid, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana e Rexión de Murcia; Lote 3: Castela-A Mancha, Estremadura e Andalucía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.