Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/06/2024 | Actualizada ás 19:38
A deputada do BNG Montse Prado cre que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) vai de "ocorrencia en ocorrencia" coas súas medidas para cubrir vacantes no verán, que "se reducen a que os profesionais traballen máis". Así o resume a portavoz do Bloque en materia de sanidade, despois de que o Goberno galego aprobase este mesmo luns un plan estival por 12,5 millóns de euros con medidas como que o MIR de 4º ano pasen consulta, contratar a facultativos con segundas residencias en zonas de costa e que médicos do 061 traballen na PAC.
A nacionalista critica que a Xunta espere "a mediados de xuño" para aprobar este plan cheo de "ocorrencias" e que "non achega solucións porque non vai ao fondo do problema", que sería afrontar "o déficit estrutural de profesionais, a precariedade ou os orzamentos insuficientes". Así, Montse Prado cre que os centros de Atención Primaria van vivir outro verán de "situacións límite", porque as medidas propostas implican "que un médico ou unha médica faga o traballo de varios".
En definitiva, a portavoz sanitaria do BNG explica que non é que non haxa médicos porque "o sistema funcione mal", senón "a consecuencia dos malos tratos continuados e das malas condicións laborais" das que culpa ao Sergas. Por iso, empraza ao PP a "deixar de botar balóns fose" e a "rectificar" e "exercer de goberno tomando medidas serias e asumindo as súas competencias" en materia de saúde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.