Carnés de conducir de Venezuela non son validos en Galicia

O TSXG denega o troco dun permiso de conducir de Venezuela debido a que non se acreditou a súa veracidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/07/2024 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra que denegou a solicitude de troco dun permiso para conducir vehículos a motor obtido en Venezuela polo equivalente en España debido a que non se acreditou a súa autenticidade.

Permiso de conducir ou carné que se expide en Venezuela
Permiso de conducir ou carné que se expide en Venezuela | Fonte: capplatam.com

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo salienta que a argumentación do fallo apelado non resulta desvirtuada pola documentación achegada, pois, aínda que se arquivaron as dilixencias penais abertas por un presunto delito de falsidade documental debido á inexistencia de autor coñecido -faise referencia á existencia dun ou varios grupos organizados-, asegura que o documento “segue adoecendo da mesma falta de acreditación de autenticidade”. Ademais, explica que, dos 57 permisos investigados nas dilixencias penais, concluíuse que os interesados si obtiveran algún ou algúns permisos oficiais que habilitan para conducir en Venezuela, pois “deron explicación lóxica e coherente de como obtiveran os seus permisos de conducir ou, no seu caso, de como obtiveran a renovación do mesmo”.  

En canto á cuestión dirimida na xurisdición contencioso-administrativa, o tribunal relata que quedou acreditado que o demandante presentou, en febreiro de 2021, ante a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra, un impreso solicitando o troco, de conformidade co establecido no Troco de Cartas entre o Reino de España e a República Bolivariana de Venezuela sobre o recoñecemento recíproco e o troco dos permisos de condución nacionais, feito en Caracas en maio de 2005, o cal lle foi denegado. O TSXG indica na resolución que, do exame das actuacións, resulta que “non se acredita suficientemente a súa autenticidade na lexislación española, polo que ha de compartirse a conclusión da sentenza recorrida ao confirmar a legalidade do acto impugnado”.

ACORDO DE SUSPENSIÓN

No fallo tamén recorda que, en xullo de 2022, dado o incumprimento por parte de Venezuela da normativa sobre garantías de autenticidade dos permisos de circulación para o seu posterior troco noutros estados, se acordou a suspensión do troco dos permisos expedidos polas autoridades venezolanas coas autoridades españolas, con efectos desde o día 15 de marzo de 2021, sendo posible o troco a residentes en España. Con todo, ao apelante non lle era de aplicación, pois a súa solicitude é de febreiro de 2021.

A partir de 2017, segundo indica a Sala, produciuse un cambio debido a que, a xuízo do persoal funcionario encargado da recepción dos documentos, non ofrecían “as suficientes garantías de legalidade”, pois, a partir dese ano, Venezuela comezou a emitir un novo modelo de permiso de conducir que se entregaba ao seu titular en formato dixital mediante un arquivo PDF que debía imprimir e plastificar polos seus propios medios. A DXT entendeu que os novos permisos de formato autoimprimible non cumprían as condicións do convenio.

“A consecuencia do cambio no formato do permiso foi un aumento das solicitudes de troco de permiso de conducir venezolano, pero dada a forma en que se presentaban tales permisos, xurdiron serias dúbidas da súa veracidade”, destaca o TSXG. En relación á autenticidade do permiso de condución cuxo troco é pretendido polo apelante, salienta que “o certo é que non acreditou que se trate dun documento auténtico”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta