A loita contra os incendios, prioridade do polo tecnolóxico de drons da Xunta

O director da Axencia Galega de Innovación di que o sector agroforestal será un dos maiores beneficiados pola creación do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/11/2015 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, salientou hoxe que o sector agroforestal galego será un dos maiores beneficiados no marco da creación do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados que está a poñer en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria. “Buscamos dar un salto cualitativo na prestación de servizos públicos mediante a aplicación de tecnoloxías baseadas nos avións aéreos non tripulados”, indicou Varela durante a apertura das Xornadas sectoriais sobre o uso dos UAV no ámbito agroforestal, celebradas en Santiago.

Dron de uso militar
Dron de uso militar

Prevención contra incendios

O director da Axencia Galega de Innovación desglosou a carteira de servizos priorizada pola Xunta no ámbito agroforestal para ser optimizados mediante a tecnoloxía dos avións non tripulados. En primeiro lugar, demándase o seu uso na captura de información xeográfica, co fin de actualizar os datos sobre infraestruturas, construcións, solos e inventario forestal a nivel de monte.

Polo que se refire á xestión dos recursos agroforestais, Varela apuntou que a Xunta demanda solucións avanzadas para a prevención e a loita contra incendios e a mellora da mobilidade de terras agrícolas, entre outros. Finalmente, búscanse tamén ferramentas para a elaboración e o seguimento de estudos e plans de ordenación territorial.

Varela lembrou que este proceso, a Civil UAVs Initiative, “representa unha das maiores apostas pola compra pública innovadora promovidas pola Xunta”, cun investimento de 45 millóns de euros aos que hai que sumar os 10 millóns destinados á creación do centro mixto de investigación Xunta-Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) na localidade luguesa de Rozas.

Xunto ao centro de investigación, neste momento, Economía, Emprego e Industria ten aberta a fase de diálogo do proceso de selección do seu socio industrial, que ademais dun traballo de investigación a cinco anos implicará a adquisición de compromisos de colaboración con empresas galegas do sector.

O socio seleccionado traballará conxuntamente ata 2020 nun ambicioso programa de I+D coa Xunta, que inviste 25 millóns de euros e actúa como cliente lanzador e validador de novas solucións para retos tecnolóxicos relacionados coa prestación de servizos públicos á cidadanía. A empresa elixida estará encargada de investigar a mellora destes servizos con base en sistemas aéreos non tripulados e promover a constitución do polo de innovación arredor deste sector en Rozas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 jos

Mais dinheiro dos impostos para o lobby militar-industrial. Os drones curam o cancro também, ainda que não o diga a notícia. E o moquilho.