Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2024 | Actualizada ás 14:19
A Consellería de Educación desenvolve obras en 43 centros educativos de Galicia por valor de 68 millóns de euros ao amparo do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o documento elaborado pola Xunta para adaptar as instalacións educativas ás novas realidades do ensino actual.
A cifra foi achegada polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a súa visita ao IES Antón Losada Diéguez, no municipio pontevedrés da Estrada, e onde se realizan obras de ampliación para dar resposta ao incremento da demanda nos cursos de FP que oferta este centro.
"Estamos a dotar os centros de FP de máis e mellores espazos, no marco da aposta que a Xunta mantén desde hai máis dunha década con estes ensinos, cuxa prestixio crece día a día e cuxas cifras están en marcas históricas", sinalou Rodríguez en declaracións aos medios.
As obras contempladas neste plan pretenden "atender as necesidades de escolarización de zonas con maior dinamismo demográfico" e levan a cabo da man dos concellos para dar cobertura ás "previsións" de matrícula. As actuacións buscan incrementar as prazas en Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, así como incrementar as dotacións de talleres de FP, como recalcou o conselleiro en declaracións facilitadas pola consellería.
"As actuacións de ampliación serven para dar adaptar os centros aos novos tempos, con espazos con novos enfoques pedagóxicos para distintas metodoloxías de aprendizaxe innovadoras, o que inclúe bibliotecas máis amplas, pistas deportivas cubertas e espazos de lecer", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.