Colocan un visor dixital na rede de estradas galegas para ofrecer información de tráfico

O Goberno galego explica que se establecerán diferentes niveis de acceso á información de consulta

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2024 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ultima o desenvolvemento e posta en marcha dun visor dixital da Rede de estradas da comunidade autónoma galega (Raega), a primeira ferramenta deste tipo que ofrecerá datos sobre tráfico diario, sinistralidade, estado xeral da infraestrutura e outra información relevante tanto para a xestión da propia rede como para os seus usuarios.

Segundo explican nun comunicado, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, colaboran na execución dos traballos necesarios para a posta en marcha deste visor, que se enmarca na Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia do Goberno autonómico.

Para iso, os dous departamentos autonómicos asinaron en 2021 un acordo de colaboración no marco do que se acometeu o desenvolvemento do novo visor xeográfico.

Nestes momentos, apuntan, xa están en marcha e avanzados os traballos para incorporar á ferramenta dixital desenvolvida, a representación xeográfica dos resultaods dos aforamentos de tráfico realizados na Raega en 2022 e 2023, polo que ambas as partes acordaron nunha reunión recente darlle continuidade coa firma dun novo acordo.

Avanzan que a previsión é que proximamente o visor estea xa dispoñible cos datos de aforamentos para o persoal ao servizo da AXI e a continuación, nunha segunda fase, habilitarase a ferramenta para a súa consulta pública por parte da cidadanía en xeral.

O obxectivo, explican, é dar a coñecer de forma "detallada" información como a intensidade media diaria de vehículos que circulan pola Reaga, diferenciando entre tráfico lixeiro e pesado, e a localización das estacións de aforamento, dispositivos fixos ou móbiles que se implantan nas estradas co obxectivo de contabilizar os vehículos que pasan por un punto concreto e que permiten diferenciar a súa tipoloxía e velocidade media á que circulan.

O Goberno galego explica que se establecerán diferentes niveis de acceso á información de consulta. Os cidadáns accederán a datos de interese xeral das estradas (zonas de dominio público e de protección, liñas límite de edificación, estado dá infraestrutura, datos de tráfico e sinistralidade, entre outras) e a partir da súa identificación persoal, tamén poderán acceder aos datos particulares dos expedientes nos que teñan a consideración de interesados (estado de trámitación de autorizacións, sancións e expropiacións, entre outros).

Sempre que os datos sexan apropiados para a súa visualización xeográfica, representaranse no visor adaptado para ese efecto, coa posibilidade de acceder aos rexistros correspondentes.

Autoestrada
Autoestrada | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta