Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/09/2024 | Actualizada ás 10:52
O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia caeu en 487 persoas durante o mes de agosto, o que supón un 0,04 % menos de afiliacións que o mes anterior, segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Así, a Comunidade galega sumou a mes de agosto un total de 1.092.886 afiliados á Seguridade Social, o que supón case un 1,4 % máis que hai un ano (14.975 afiliados máis). Por provincias, todas elas gañaron afiliados á Seguridade Social, excepto a de Pontevedra, onde o número baixou en 1.040 persoas. A Coruña rexistrou 40 afiliados máis, Lugo gañou 392 afiliados, e Ourense rexistrou 120 afiliados máis.
Con respecto aos traballadores en situación de ERTE, a finais de agosto había rexistrados un total de 840 traballadores (520 homes e 320 mulleres). Deles, 137 estaban afectados por unha suspensión parcial e 703 por unha suspensión total.
DATOS NACIONAIS
A nivel nacional, a Seguridade Social perdeu unha media de 193.704 cotizantes en agosto respecto ao mes anterior (-0,9 %) debido, sobre todo, ao descenso da ocupación na educación en máis de 70.000 persoas e ao retroceso do emprego en construción e industria, que contabilizaron 19.000 e 17.000 afiliados menos que en xullo, respectivamente, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Tras a caída de ocupados rexistrada no oitavo mes do ano, o número de afiliados medios situouse en 21.189.402 cotizantes, chegando a superar durante cinco días do mes os 21,2 millóns de traballadores. "Consolidamos os 21,1 millóns de traballadores e estamos moi preto dos 21,2 millóns nun mes cun forte comportamento estacional", destacou a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz.
O descenso de afiliados do mes pasado supera aos rexistrados nos meses de agosto de 2023 (-185.385 cotizantes), 2022 (-189.963 afiliados) e 2021 (-118.004 ocupados), pero queda por baixo do experimentado en 2019, antes da pandemia, cando a afiliación caeu en case 213.000 persoas. En 2020, ano afectado pola desescalada tras a pandemia, a ocupación creceu en máis de 6.800 persoas en agosto.
Deste xeito, o Ministerio resaltou que o comportamento da afiliación en agosto deste ano está "en liña con outros agostos" e é "algo mellor" que o dos meses de agosto previos á pandemia. No último ano, de agosto de 2023 a agosto de 2024, a Seguridade Social gañou 482.902 afiliados en valores medios, cun crecemento interanual do 2,3 %.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.