Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/09/2024 | Actualizada ás 14:31
O actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca a traxectoria profesional de Eloína Feijóo, curmá do anterior presidente galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. "Pode optar a calquera posto, atesoura unha experiencia importante e terá os méritos oportunos", asegura.
Faino tras coñecerse o nomeamento de Eloína Núñez como nova subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellería de Política Social tal e como apunta GaliciaPress, do grupo CataluñaPress. Un posto ao que chega logo de cesar como xerente do Hospital de Santiago, posto ao que chegou tras ser nomeada por Feijóo.
Tras os novos cambios en Sanidade introducidos por Rueda, a curmá de Feijóo recala nun posto menor, pero de certo peso de decisión, na Consellería de Política Social. Preguntado ao respecto, Rueda destacou a súa traxectoria e lembrou que, como funcionaria de carreira, Eloína Núñez pode desempeñar este posto como calquera outro funcionario.
"Calquera pode optar a estes postos pero neste caso --Eloína-- atesourou experiencia importante e terá os méritos ortunos para este posto que está reservado para persoal funcionario", dixo Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. "Non vou caer en dicir que hai persoas que poden optar a este posto aínda que a mencionada ten a experencia para asumilo", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.