Celtismo, ilusión pola Copa

O Celta busca no Calderón fronte ao Atleti as semifinais do torneo quince anos despois. Un empate con goles chegaría para clasificarse despois do 0-0 da ida en Balaídos. "Podemos facer historia", avisa Jonny.

Por gcdeportes | Vigo | 27/01/2016 | Actualizada ás 08:56

Comparte esta noticia

Catanha marcou o gol que deu o pase a semifinais, aínda co Toto Berizzo no campo. Quince anos despois, o Celta busca no Calderón (20.30 horas) o soño de clasificarse para a penúltima rolda do torneo do KO. Non será doado, enfronte, o Atleti de Diego Simeone, co-líder na Liga con 48 puntos e só 8 goles encaixados.

Os seareiros celestes acudiron á Madroa a apoiar os seus antes da viaxe a Madrid.
Os seareiros celestes acudiron á Madroa a apoiar os seus antes da viaxe a Madrid. | Fonte: @rccelta_oficial

Hai moita ilusión en casa Celta para o que Berizzo definiu como o choque “máis importante” dende que é adestrador celeste, “polo que representa para equipo e afección”. Así o demostraron os seareiros celestes, cando arredor de 500 acudiron á Madroa a despedir a expedición celeste antes do voo a Madrid. 

"Haber competido de igual a igual contra un rival como o Atleti é un gran impulso para o partido de volta. O equipo medrou en madurez e personalidade, e iso será moi importante. Iso encheme de confianza no que imos buscar”, destacou Berizzo, que ve chave manter “un equilibrio perfecto” entre o traballo defensivo e a procura do gol. Tralo 0-0 da ida, calquera empate con goles clasificará o Celta, pero nos dous últimos enfrontamentos en Balaídos, un de Liga e outra de Copa, os do Toto Berizzo non foron quen de marcar un gol ao Atleti de Simeone.

"Podemos facer historia porque hai moito tempo que non se supera a eliminatoria de cuartos. Este ano pódese chegar a gañar a Copa, e queremos loitar por iso. Pero antes temos o partido do mércores, que vai ser moi difícil”, avisa Jonny das intencións celestes. O internacional sub-21 cre que o Celta ten “moitas posibilidades” de eliminar o Atleti, e ve chave impedir que o rival marque primeiro.

O dinamarqués Daniel Wass e o dianteiro Iago Aspas regresarán ao once tralo descanso que lles deu Eduardo Berizzo en Vallecas. O adestrador celeste levou a Madrid os 17 xogadores disponíbeis do primeiro plantel e os futbolistas do filial Borja Fernández, David Goldar e Pape Cheikh. Nolito, xa recuperado pero sen forma para xogar, Andreu Fontás e Marcelo Díaz son as baixas. A aliñación de Berizzo podería ser a mesma que na ida, coa entrada de Hugo Mallo e o dúo Aspas e Guidetti en punta: Rubém Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Radoja, Wass, Tucu Hernández; Orellana, Aspas e Guidetti. Diego Pablo Simeone conta con todos os seus xogadores agás o dianteiro Fernando Torres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta