Por X.M. Fernández | Ponteareas | 01/02/2016 | Actualizada ás 12:21
Cando e como naceu Don Disfraz?
Don Disfraz é fillo de “Esperancita”, un negocio familiar en Ponteareas que a maiores do ultramarinos daqueles anos, alá polo 1971, traballaba tamén varias campañas e entre elas o entroido alugando disfraces e vendendo complementos dende o 1989.
E dunha tenda familiar ao que sodes hoxe.
O negocio familiar non deixou de medrar, apostou sempre pola innovación e foi pasando de pais a fillos, concretamente das mans de Esperanza e Enrique, meus pais, ás mans dos seus fillos, Roberto, meu irmán, e mais eu. Agora somos os actuais propietarios da empresa e non deixamos de evolucionar sobre todo no relacionado coas novas tecnoloxías. Así, pois, as canles de venda pasaron a ser en tenda física e en tenda online cunha web que hoxe ocupa un dos primeiros postos no ranking nacional. Sempre tivemos a opción da venda online moi clara incluso antes de que esta canle de venda tivese implantación no país.
Damos por feito que o Entroido é o mellor evento do ano para as vendas. É así?
Si, o entroido a nivel Galicia e o Carnaval a nivel nacional son as celebracións por excelencia no noso negocio, por iso o volume de vendas de disfraces e complementos nestas datas supón un pico importante na facturación anual. En Don Disfraz trabállase gran parte do ano para preparar esta campaña.
Pero non só de Entroido vive Don Disfraz, non?
Pois claro que non xa que existen outras festas temáticas durante o ano e eventos relacionados coa diversión e co ocio nos que o disfrace é un dos principais ingredientes. As festas medievais, Halloween, carnavais de verán e festivais escolares son algunhas das celebracións que dan vida a este negocio tan particular.
Que vos diferenza da competencia? Produto, servizos, catálogo?
Que somos unha empresa que destaca polos servizos segundo as valoracións dos nosos clientes. O catálogo que ofrecemos é moi amplo tocando todas as temáticas posibles tanto en disfraces como en complementos con produtos de calidade media e alta. Nos almacéns temos un stock con máis de 50.000 disfraces e 100.000 accesorios dispoñibles para a entrega inmediata sendo o servizo postvenda algo moi importante para nós porque o é tamén para o cliente. “Trata aos demais como che gustaría que te tratasen a ti”, unha lección aprendida dos nosos pais que é xa un dos lemas da empresa.
Cales adoitan ser os vosos grandes clientes?
Cadeas de hotel, produtoras de tv ou parques temáticos. Durante varios anos tamén se venderon disfraces á Produtora Zeppelín para disfrazar aos concursantes de Gran Hermano.
Algunha anécdota que se poda contar?
Hai moitas ao longo do noso percorrido empresarial… nunha ocasión un cliente encargounos un disfrace de policía e metralleta como complemento e despois retivéronnos o pedido por levar unha arma.
Tamén foi curioso o acontecido no 2014 cando por unha mala interpretación dunha Orde Ministerial empezou a correrse o bulo de que o Goberno prohibía disfrazarse de garda civil. Tal feito provocou un efecto contrario, o disfrace de garda civil incrementou as vendas e foi un dos máis vendidos ese ano.
Como vos anticipades para coñecer os "disfraces estrela" de cada Entroido? Por onde van os tiros este ano?
A compra das novidades adquiridas cada ano é un compendio de cualidades e de coñecementos que hai que posuír, o sumario compréndeno os fabricantes na presentación do seu novo catálogo, o departamento de publicidade e marketing que orienta sobre as estreas no cinema ou na tv e finalmente a intuición e o coñecemento do sector. Este ano os personaxes de Star Wars están moi demandados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.