Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 16/02/2016 | Actualizada ás 19:06
En 1964 a Sección Feminina da Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista recibía a medalla de ouro da Deputación de Pontevedra. 52 anos despois, e 40 despois do Franquismo, acaban de pedirlle a este organismo que lle retire este título á Falange en cumprimento da Lei da Memoria Histórica.
Foi o deputado de Marea de Vigo, Xosé Luís Jácome, quen rexistrou este martes unha moción na que insta á deputación a que cancele este nomeamento. Na súa moción, Jácome pide que se faculte aos servizos xurídicos e administrativos da deputación provincial para que procedan á recuperación física da citada medalla de ouro.
Foi durante a celebración en Pontevedra do denominado "XXII Consello Nacional da Sección Feminina", cando o organismo provincial tomou a decisión de entregar a medalla a este colectivo, na persoa da súa delegada nacional, Pilar Primo de Rivera, condesa da Mota.
Dito título por parte do presidente da deputación provincial nun acto público de honras celebrado no Salón do Pazo Provincial o 16 de xaneiro de 1964. “Daquela, a deputación provincial estaba composta por deputados non electos de forma democrática e suxeitos á obediencia e ás disposicións da ditadura franquista", recolle a moción que cualifica de “indigno” ese acordo.
O pasado outubro, todos os grupos do Concello de Pontevedra, incluído o PPdeG, acordaban retirar a medalla de ouro que a cidade lle concedeu ao dictador Franco en 1944.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.