Sorpresa gustosa do COB

Ourense Provincia Termal gaña 76-82 en Burgos e suma a décima vitoria na Liga. Destacaron Kyle Rowley, con 15 puntos e 13 rebotes, Zamora con 23 puntos e Kapelan, con 18 no último cuarto. O venres, Navarra no Paco Paz.

Por gcdeportes | Ourense | 05/03/2016 | Actualizada ás 08:56

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CB Miraflores Burgos 76:
Anton Maresch (5), Peciukevicius (5), Edu Martínez (8), Javier Vega (19), Toncinic (10) --cinco inicial-- Roger Fornás (10), Rafa Huertas (11), Justas Sinica (4), Vilanova (4) e Behrens (0).
Ourense Termal 82: Pedro Rivero (9), Jhornan Zamora (23), Jonathan Barreiro (3), Max Salash (2), Kyle Rowley (15) --cinco inicial-- Kapelan (20), Rejón (7), Ánder Martínez (3), Tomás Fernández (0) e Juan Ballesta (0).
Parciais: 8-19, 14-12 (22-31), 26-20 (48-51), 28-31 (76-82).
Árbitros: Alberto Sánchez Ardid e Fernando Rupérez. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 24ª xornada de Liga no pavillón El Plantío ante 2.000 espectadores

Que agradable sorpresa! De novo como visitante, COB amosou a súa mellor cara e venceu 76-82 en Burgos, na cancha dun dos favoritos ao ascenso, e sumou a décima vitoria, que lle serve para afastarse dos postos de descenso (queda a tres vitorias) e seguir soñando coa posibilidade de disputar os play-off nesta tempada de transición. Destacaron Kyle Rowley, quen dominou as zonas con 15 puntos e 13 rebotes; Jhornan Zamora, con 23 puntos e 11 de 11 dende o tiro libre; e os 18 puntos de Kapelan no cuarto decisivo. O venres, Navarra no Paco Paz.

Kyle Rowley, no salto inicial con Toncinic, dominou as dúas zonas.
Kyle Rowley, no salto inicial con Toncinic, dominou as dúas zonas. | Fonte: María Ortega (CBM)

Anton Maresch abriu o partido cunha tripla para Burgos, pero Ourense saiu concentrado en defensa e no rebote e os locais tardaron ata oito minutos en volver anotar en xogo. Rowley dominaba as dúas zonas e Jhornan Zamora anotaba, e COB gañaba xa 3-12 tras tripla de Pedro Rivero. De nada serviu o tempo morto local: Zamora pechou o cuarto con outra tripla (8-19).

Burgos reaccionou no comezo do segundo cuarto, e cun parcial de 11-4 achegouse no marcador. Gonzalo García viuse obrigado a parar o partido con 19-23, e o COB, cos puntos de Rowley e unha tripla de Ánder Martínez, volveu abrir oco: 22-31 ao descanso tras un cuarto de pouco acerto en ataque (14-12).

Os casteláns tentaron achegarse a base de triplas (Javier Vega, Edu Martínez), pero tras una antideportiva por parar un contrataque ourensán, os galegos sumaron cinco puntos nunha mesma xogada e acadaron a máxima diferenza do partido (30-43, minuto 24). Con trece abaixo no marcador, reaccionou Burgos. Parcial de 11-0 para os locais, ata que Guillermo Rejón e Rivero racharon coa xeira negativa (43-48). Jhornan Zamora anota un 2+1, pero o ex-cobista Edu Martínez pecha o cuarto coa súa segunda tripla (48-51).

No último acto, apareceu Diego Kapelan, quen anotou 18 dos seus 20 puntos para sentenciar o partido cando este se complicaba. Entre Rafa Huertas (outro ex-cobista) e Vega igualaron o partido (59-60), e volta a empezar con cinco minutos por diante. Dúas triplas de Kapelan afastaron de novo ao COB, pero Roger Fornàs, ata entón case desaparecido, respostou con dúas triplas para igualar de novo o partido (69-69) a tres minutos do final. Rejón asiste a Rowley, catro tiros libres de Zamora e outra tripla de Kapelan, e o COB respira con 71-76. Vega adía a vitoria ourensá cunha tripla (74-76), pero Kapelan, Zamora e Rejón anotan os tiros libres sen erros e Ourense Termal celebra o seu décimo triunfo en Burgos, sexto a domicilio. O vindeiro venres, Navarra no Pazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta