Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/03/2025 | Actualizada ás 15:22
O colectivo ecoloxista Adega recorre ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a estratexia galega da infraestrutura verde, un documento de planificación da Xunta que publicou o Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de febreiro e que "consolida a desprotección" para a zona en que quere implantarse a fábrica de Altri en Palas de Rei. Segundo denuncia, esta "foi podada para que non houbese ningún obstáculo para a factoría".
Adega asegura, tal e como revelou a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) o día 12, que esa estratexia deixa "en branco" unha área que ata ese momento --na fase de exposición pública-- estaba delimitada como zona de amortecemento, e fíxoo "da noite para a mañá". Con base no principio de non regresión en materia ambiental, o colectivo ecoloxista anunciou que este mesmo xoves interpón un recurso contencioso administrativo ante o TSXG para impugnar a dita orde. E é que, segundo resalta, ao contemplar esa parte do territorio (xunto á Serra do Careón) como zona de amortecemento "estaban a recoñecer explicitamente que aí hai especies ameazadas e hábitats prioritarios".
"CONFUNDEN INTERESE PÚBLICO E PRIVADO"
En rolda de prensa, Fins Eirexas e Fernando de Abel, ambos de Adega, advertiron de que "a realidade non a poden cambiar" e "os valores seguen aí". O principio de non regresión en materia ambiental, segundo explicaron, "está asentado na lexislación", incluído na lei de cambio climático e só se pode trasgredir por "razóns de interese público". Respecto diso, Adega argumenta o seu recurso coa "prevalencia" do interese público "ambiental" sobre outros, e entende que a Xunta do Partido Popular ten "certa confusión" entre o interese público e o privado, co "grave perigo" que iso leva para o medio ambiente.
Apelando tamén aos principios de precaución e cautela, os ecoloxistas argumentan no seu recurso que "non existe razón de interese público" para "suprimir" a figura de zona de amortecemento para esa área, aínda que se fale de creación de postos de traballo. Neste sentido, consideran "pouco hábil" a súa eliminación, xa que "canta máis" que unha "degradación" da protección. Para Eirexas, esta medida vai na dirección de "recortar e rebaixar a protección" que atribúe ao Goberno galego "sexa cal for a ferramenta de planificación".
Pola súa banda, De Abel descartou que, de prosperar o recurso, supoña a paralización do proxecto de Altri --actualmente en tramitación e á espera de informe definitivo--, xa que a estratexia non se refire a esta iniciativa en concreto. Iso si, engadiu que "posiblemente" Adega si pedirá a suspensión. Nesta liña, sinalaron que o próximo 22 de marzo está convocada unha manifestación na Pobra do Caramiñal, "por terra e por mar", en contra de Altri e da mina de Touro.
NITRATOS
Por outra banda, na mesma comparecencia, Fins Eirexas pronunciouse sobre a problemática das zonas vulnerables a nitratos, na que, segundo censurou, "a Xunta volve chegar tarde". Sobre este tema, Adega solicitou documentación a Augas de Galicia, unha vez lamenta que se lle deixou "fóra da fase consultiva", na que estiveron incluídos os sindicatos agrarios. Pola súa banda, o colectivo ecoloxista quere saber que foi do estudo que a Xunta indicou ao ministerio en 2022 que estaba a facer sobre 12 encoros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.