Un histórico en apuros

Os técnicos do Porriño Industrial deixan de adestrar como protesta polo impago das súas nóminas. A directiva actual, que non pode recibir a subvención municipal por gastos sen xustificar da anterior etapa, reclama unha solución urxente ao Concello.

Por gcdeportes | O Porriño | 08/04/2016 | Actualizada ás 09:03

Comparte esta noticia

“De xeito indefinido” polo impago das catro últimas mensualidades. A xunta directiva do Porriño Industrial anunciou este xoves que os técnicos do club decidiron, en sinal de protesta, deixar de acudir aos adestramentos, aínda que si asistirán aos partidos para evitar que o club sexa sancionado. A directiva “entende e respecta” a decisión, posto que dende que asumiu a dirección do club en outubro, non puido pagar “nin sequera os gastos ocasionados pola realización da súa actividade”. Os adestradores, preparadores físicos e coordinadores de base xa adelantaran ao longo da semana a súa decisión aos afectados.

No comunicado, os directivos piden desculpas “con letras maiúsculas” a todos os nenos afectados: “Sodes vítimas inxustas dos erros de outros”. O Porriño Industrial, club con 84 anos de historia que xestiona 16 equipos de canteira (14 federados e dous non federados), atópase nunha delicada situación económica xa que non recibe subvencións públicas por ter pendente de xustificación as axudas correspondentes ao 2015, cando o club estaba dirixido pola anterior directiva. A actual, que preside Manuel Laso, accedeu ao cargo o pasado mes de outubro, pero non atopa “solución” á situación malia terse reunido ata en vinte ocasións con Goberno local.

Malia ter entregado toda a documentación esixida polo Concello, segundo comunicou a alcaldesa nunha reunión cos socios a existencia dunhas facturas “presuntamente” falsas impiden o terceiro pago da subvención do 2105 e a renovación do convenio para o 2016. “Desgraciadamente, non estamos en disposición de poder acreditar o sucedido na xestión de outros”, apunta a directiva actual do Porriño Industrial, que admite que sen a axuda do Concello a subsistencia do club “é complicada, por non dicir imposible”, polo que demanda “unha solución dentro da legalidade, pero unha solución clara e rápida, coa urxencia que esta situación require”. Os directivos recoñecen ter estado a piques “de tirar a toalla” en varias ocasións, pero non o fan para evitar a desaparición dun club con 84 anos de historia e para non deixar “tirados” os nenos e rapaces da canteira.

En principio, o parón só afecta aos adestramentos de aqueles equipos que non se xogan nada na actual tempada, que nin poden ascender nin descender. “Así o decidiron, e lles damos as grazas pola súa xenerosidade. O orgullo que nos fan sentir, é un dos nosos principais alicientes para continuar”, sinala a directiva do Porriño Industrial, que di ter como unica motivación “a continuidade dun club referente”.

Un dos equipos da canteira do Porriño Industrial.
Un dos equipos da canteira do Porriño Industrial. | Fonte: Facebook Porriño Industrial FC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta