Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2025 | Actualizada ás 14:36
O conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, insistiu en que "nunca é tarde" para que o BNG se some ás mesas para a renovación do Pacto pola Normalización Lingüística. Así o manifestou a preguntas dos xornalistas este martes nun acto celebrado nun colexio de Santiago, onde o responsable do Goberno galego subliñou que o problema da perda de falantes non está nos centros educativos, onde os alumnos saen coas "competencias garantidas" e "equilibradas" co castelán.
Ao seu xuízo, o problema radica na "transmisión" de "avós a netos e de pais a fillos" polo que ve necesario pór o acento no "estímulo da socialización" con medidas "en positivo". Neste sentido, defendeu que "non existen liñas vermellas" sobre a "posible modificación" do coñecido como o decreto do plurilingüismo, ao que o BNG responsabiliza da caída do número de galegofalantes e que, por tanto, reclama que se derrogue. Segundo López Campos, o Bloque non trasladou "propostas alteranativas" máis aló de propor un modelo de "monolingüismo ou inmersión lingüística" que a Xunta descarta de plano.
"Nunca vai ser tarde para a incorporación do BNG a este proceso", aseverou o conselleiro para, a continuación, apuntar que "non é a primeira vez" que os nacionalistas presentan reticencias a sumarse ás negociacións do plan, como xa ocorreu en 2004. Así pois, considera que é o momento da "unidade" ao redor da lingua para definir un plan no que "ninguén vai saír ao 100 % satisfeito", nin sequera, segundo López Campos, o propio goberno, que "non pretende impor a súa posición".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.