Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2025 | Actualizada ás 14:29
Un día despois da manifestación en Santiago de Compostela convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, os líderes dos dous principais patidos da oposición galega (BNG e PSdeG), que asistiron a esta "exitosa" mobilización xunto con varios miles de persoas, avanzaron propostas para mellorar o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Por unha banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta "máis medios e máis recursos" a través dun "plan de rescate" para a atención primaria e para reducir as listas de espera nos hospitais. Por outro, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que o Grupo Socialista rexistrará no Parlamento unha proposición de lei que estableza "un límite de 48 horas" para ter unha consulta nun centro de saúde.
Nunha rolda de prensa ofrecida desde o Pazo do Hórreo, a líder da oposición destacou como o domingo "miles de galegos volveron saír á rúa para defender a sanidade pública" fronte a un PP "convertido nun perigo para a saúde". Pontón describiu a "dura realidade que vive" o Sergas a pesar de que o PP e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, digan que "nunca houbo tantos recursos e que nunca estivo mellor". A portavoz nacional do BNG preguntoulles "como é posible" que afirmen isto cando existe "lista de espera" para acudir á atención primaria e as demoras en cirurxías e consultas hospitalarias "son maiores que antes da covid". Ademais, a líder nacionalista lamentou que os problemas de saúde mental da poboación galega "non teñen a atención que necesitan na pública".
Todo iso, en palabras de Pontón, non é só cuestión de "incompetencia", senón que "responde o plan que ten o PP de deteriorar o público e beneficiar o privado". Segundo os "datos demoledores" que ofreceu, a Xunta "recortou" en "2.000 millóns de euros" en atención primaria desde 2009. A isto sumou o último informe publicado polo Consello de Contas sobre as contas do Sergas de 2023, das que se "restaron 170 millóns" en primaria, unha cantidade "que coincide coa cifra que aumentou na hospitalaria"; e que a partir de 2019 --coincidindo co inicio da pandemia-- os concertos coa privada incrementáronse nun 18 %. Fronte a esta situación, o BNG ten "propostas moi concretas", como un "necesario plan de rescate" da atención primaria, outra folla de ruta para reducir as listas de espera e unha "aposta real" pola saúde mental, que pasa por incorporar á primaria a atención psicolóxica a través da contratación de 100 profesionais, para estar "nos mínimos" que recomenda a OMS.
CONSULTAS EN PRIMARIA EN 48 HORAS
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG avanzou este luns o rexistro dunha proposición de lei para reclamar á Xunta que "limite a 48 horas o prazo" para obter cita nunha atención primaria. "Se a sanidade pública goza de tan boa saúde" como din o PP e o conselleiro, "non haberá ningún inconveniente" en aprobala, sinalou Besteiro. O líder socialista destacou como o seu partido participa nas mobilizacións pola sanidade "en todos os puntos de Galicia" nos que se convoca, por exemplo outra mobilización con miles de persoas que houbo en Vigo o pasado mes de xaneiro. Todas estas protestas, para Besteiro, supoñen unha mensaxe "absolutamente clara" de que "a cidadanía xa non cre nas escusas do PP". Neste sentido, criticou que o portavoz parlamentario popular, Alberto Pazos, marcase a posición do partido ante a manifestación en Santiago desde o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, algo "escandaloso" dado o "sobrecusto sen xustificar" de 470 millóns de euros que implicou a súa construción, en base ao informe que publicou o pasado verán do Consello de Contas.
O secretario xeral do PSdeG insistiu no "proceso de deterioración" da sanidade pública galega que empezou hai xa "16 anos", cando o PP chegou á Xunta. Para ilustralo, puxo como exemplo o caso de Ángel, un paciente que leva esperando "desde maio de 2024" por unha consulta en oftalmoloxía, tal e como figura nunha captura da aplicación do Sergas que exhibiu na rolda de prensa. Aínda que este home presentou reclamación, respondéronlle que "o servizo está saturado e que xa o avisarían", así que lle recomendaron "paciencia". "Ángel leva esperando desde maio de 2024, pero parece ser que isto é un funcionamento normal e óptimo da nosa sanidade pública", denunciou Besteiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.