Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2025 | Actualizada ás 18:56
A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades abordou este martes o calendario escolar para o curso 2025/26 cos sindicatos representados na mesa sectorial docente (CIG, CCOO, ANPE e UGT), que un ano máis afearon que non se baixe dos 176 días lectivos.
Ademais, segundo fontes das organizacións consultadas por Europa Press, a maioría das organizacións ven "precipitado" empezar o curso o luns 8 de setembro, dado que os profesores "só terán cinco días" para preparar as programacións e os horarios.
En concreto, o borrador trasladado pola Consellería días atrás propón que as clases arrinquen en todas as etapas educativas o 8 de setembro e que finalicen o 19 de xuño de 2026, con carácter xeral.
As excepcións son a FP básica, media e superior, para as cales as clases terminarían o 15 de xuño, mentres que para os ensinos de réxime especial o inicio podería atrasarse ata o luns 15 de setembro. Así mesmo, o fin do período lectivo en 2º de Bacharelato estará condicionado polas datas da Proba de Acceso á Universidade (PAU).
A CIG-Ensino, primeira forza sindical na educación pública galega, defende que os 175 días lectivos que recolle a Lomloe "debe ser o tope", fronte aos 176 que foi habitual nos últimos cursos en Galicia.
Desta forma, a central nacionalista, igual que CCOO, propuxo na mesa sectorial que as clases empecen o mércores 10 de setembro. Isto faríase reducindo día o período lectivo, para cumprir cos 175, e eliminando o Día do Ensino, fixado para o 5 de decembro.
"DESEQUILIBRIO" ENTRE TRIMESTRES
Así mesmo, o responsable educativo de CCOO en Galicia, Borja Campos, apunta o "desequilibrio moi evidente" que hai entre trimestres, xa que o primeiro consta de 20 días máis que os dous restantes (72, 53 e 53, respectivamente).
Así, propón que os períodos vacacionais "non estean condicionados" polas festividades relixiosas. Con todo, Campos recoñece que a normativa permite que os centros amolden as datas de inicio e finalización das avaliacións, pero tanto el como ANPE lamentan que se perdeu " a oportunidade" de debater esta cuestión.
Outra crítica común dos sindicatos, tamén este ano, é que o período de adaptación para 4º de Educación Infantil estea fixado só para a primeira semana, de maneira que como moi tarde deberá finalizar o luns 15 de setembro. CIG, CCOO e ANPE solicitan que se estenda ata final de mes.
As organizacións tamén reclamaron restablecer a xornada reducida para xuño e setembro, aínda que ANPE pediu "unha normativa única" para eliminar as clases de tarde nos institutos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.