Paula Prado enxalza a "estabilidade" dos gobernos municipais do PPdeG fronte aos que teñen "un pacto de perdedores"

"Cun BNG que goberna con seis concelleiros de 25 e un PSOE absolutamente esnaquizado e pelexado xa non só cos nacionalistas, senón tamén dentro do propio partido", sinalou a secretaria xeral do PPdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2025 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo como exemplo a "estabilidade" dos concellos liderados polos populares fronte aos que teñen un "pacto de perdedores, como en Santiago". "En Oroso, co alcalde Álex Doval, comprobamos o que supón que o PPdeG goberne nos municipios: estabilidade e traballar nos problemas reais dos veciños, afastados das leas que vemos noutros concellos nos que existe un pacto de perdedores, como en Santiago", afirmou este domingo durante a súa visita ao municipio coruñés de Oroso.

A número dous dos populares galegos lamentou "os que se opoñen a ese pacto" dous anos despois. "Cun BNG que goberna con seis concelleiros de 25 e un PSOE absolutamente esnaquizado e pelexado xa non só cos nacionalistas, senón tamén dentro do propio partido", sinalou. Paula Prado cualificou a situación do PSOE local como "un espectáculo esperpéntico" que "prexudica aos veciños" da capital galega.

Así mesmo, fixo referencia á "inestabilidade" do concello da Coruña. "É unha pena ver a este socialismo ausente que se reproduce a nivel autonómico e que non deixa de ser unha copia do que vemos cada día con Sánchez e o seu goberno: un autócrata que quere gobernar con wasaps pero non con Orzamentos Xerais do Estado", subliñou. Fronte a iso, Prado enxalzou que "a gran maioría de concellos con estabilidade e xestión, sen sobresaltos nin leas, son liderados polo PPdeG".

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa | Fonte: PPdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta