Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2025 | Actualizada ás 16:30
A Mesa pola Normalización Lingüística lamentou que se aprazou a votación para recoñecer o galego, eúscaro e catalán como linguas oficiais da UE, "un paso imprescindible para a súa dispoñibilidade en todos os ámbitos, especialmente nas relacións comerciais e de consumo ou na contratación pública".
España viuse forzada a renunciar á petición de someter a votación este martes a súa proposta, despois de que varias delegacións insistisen en que é "prematuro" pronunciarse sobre un asunto sobre o que apenas se debateu e sobre o que persisten serias dúbidas sobre o seu encaixe legal e impacto económico e práctico.
A presidencia de quenda que este semestre ocupa Polonia tomou a iniciativa de "pospor" a discusión, segundo informaron a Europa Press varias fontes diplomáticas, sen aclarar cales serán os próximos pasos a seguir.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou ademais que o presidente da Xunta boicoteou o recoñecemento da lingua por parte das institucións europeas. "Rueda, máis dunha vez, abdicou da súa deber como presidente da Xunta de defender o galego e preferiu manterse no seu papel de súbdito do PP e Vox participando no boicot ao recoñecemento do galego no Consello da UE e na posición que sostiña cando se manifestaba coa ultradereita contra o idioma", afeou. Así, continúa, volve demostrar que "só ten interese en pactar o enterro do galego".
CARTA ABERTA PEDINDO A OFICIALIDADE EN 2023
Sobre isto, afirmou que A Mesa "non participará nesa operación", lembrando que en novembro de 2023 xa impulsou unha carta aberta na que máis de 30 representantes de entidades públicas e sociais galegas pedíanlles aos Estados membros que votasen "se" ao recoñecemento do galego como oficial na Unión Europea, subliñando que "o galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo" e que "o idioma é o mellor instrumento común e unha necesidade para avanzar xuntos en cultura, educación, progreso social, económico e político".
A vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, participou tamén nunha rolda de prensa no Parlamento Europeo na que a Rede Europea de Igualdade Lingüística (ELEN) pediu aos Estados membros da Unión Europea que votasen a favor do recoñecemento. Naquel momento, Quintas manifestaran que o "impacto sería moi positivo e suporía un paso enorme cara ao recoñecemento e a normalización das linguas minorizadas porque a oficialidade a nivel europeo é fundamental para protexer os dereitos lingüísticos dos falantes destas linguas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.