Por gcdeportes | Lugo | 27/05/2016 | Actualizada ás 08:28
O galego Cristóbal Rodríguez acadou a súa clasificación para a final do Mundial de Péntatlon Moderno que se disputará este sábado en Moscova. O lucense fixo unha semifinal excepcional, logrando o segundo posto no seu grupo de 32 deportistas. Deste xeito, Cristóbal acadou o seu obxectivo fundamental na competición, que era entrar na gran final, pero ademais logrou facelo con boa nota.
O pentatleta galego foi o cuarto clasificado na esgrima, cun total de 20 vitorias e 11 derrotas, mentres que na natación ocupou a 13ª posición (329 puntos). Así, todo quedaba pendente da combinada, onde normalmente o deportista galego sofre máis. Pero desta volta, todo o traballo realizado nos últimos meses adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportivo, viuse reflictido no resultado: Cristóbal Rodríguez fixo a novena posición (614 puntos) e acadou así a segunda posición do seu grupo cun total de 1.179 puntos.
Deste xeito, o lucense logrou a clasificación para a gran final deste sábado en Moscova, na que só estarán os 36 mellores do mundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.